Samsung presenta unha cámara con obxectivos intercambiables ideal para as auto-fotos

mércores, 19 de marzo do 2014 Marcus Fernández

As cámaras fotográficas dixitais con obxectivos intercambiables non cesan de mellorar en prestacións conseguindo uns tamaños compactos e lixeiros, como demostra Samsung Electronics coa nova SMART Camera NX Mini, que conta cun sensor CMOS retroiluminado de 20,5 Mpíxeles, un grosor de 22,5 milímetros e un peso de 158 gramos que destaca porque a súa pantalla táctil de 3 polgadas (cunha resolución de 480 x 320 píxeles) pode abaterse 180 graos converténdoa na cámara perfecta para a realización de auto-fotos. Pode disparar de xeito continuo ata 6 imaxes por segundo e a súa velocidade de obturación de 1/16.000 segundos permite captar escenas en movemento sen que saian movidas.
Para completar esta excelente cámara tamén temos conectividade Wi-Fi e NFC, o que facilita a transmisión de fotografías a outros dispositivos como smartphones ou tablets (sendo incluso capaz de mandar a mesma imaxe a 4 dispositivos á vez, evitando o tedio de tal labor repetitiva), facilitando o uso dun smartphone como un mando a distancia e incluso podendo aproveitar a cámara como un monitor de bebé (que actívase cando detecta un ruído).
É posible programar a cámara para que cargue as nosas fotografías directamente a Dropbox ou a Flickr, facilitando que gardemos as nosas imaxes de xeito seguro na Internet (lembremos que Flickr ofrece 1 Tb de capacidade de balde).
A nova cámara chegará ao mercado no mes de maio, a un prezo de 449 dólares cun obxectivo de 9 milímetros e a 549 dólares cun obxectivo de 9-27 milímetros.


Vídeo promocional da nova cámara de Samsung

Especificacións da Samsung SMART Camera NX Mini

PUBLICIDADE