Samsung presenta un smartphone con tapa coa cámara máis luminosa do mercado

venres, 1 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Que estean á venda smartphones con formato de cuncha non deixa de ser rechamante, e aínda que a súa presenza sexa simplemente anecdótica, xa que incluso son dispositivos difíciles de atopar e presentes en poucos mercados, de cando en vez sae algún novo modelo que chama poderosamente a atención, como o Samsung W2018, que presentouse hoxe mesmo en China, e que podería considerase como un dispositivo que en prestacións quedaría entre o Galaxy S8 e o Galaxy Note8, pero cun detalle inédito: a apertura da súa cámara traseira sería de f/1.5, de xeito que sería o primeiro móbil á venda cunha cámara tan luminosa.
A cámara de 12 Mpíxeles con estabilización óptica deste novo teléfono, sen contar con dobre obxectivo, sería capaz de facer uso do desenfoque de fondo como fan outros móbiles de alta gama para disparar instantáneas nun modo retrato e tamén empregaría un truco de software para poder alternar entre unha aperta f/1.5 e outra f/2.4, de xeito que non sempre empregaría unha apertura esaxerada para moitas situacións (especialmente pola influencia que ten este factor na profundidade de campo).
O Samsung W2018 contaría con dúas pantallas Full HD de 4,2 polgadas, cámara traseira de 5 Mpíxeles, USB-C, 64 GB de almacenamento interno (aínda que haberá tamén unha edición con 256 GB de capacidade), batería de 2.300 mAh, tecla para Bixby e un peso de 247 gramos.
Polo momento non se sabe se venderase fóra de China, pero parece evidente que a súa distribución será moi limitada, especialmente se atendemos aos rumores do que será o seu prezo, que podería estar preto dos 1.700 euros.

Vídeo no que podemos ver o Samsung W2018 de preto

PUBLICIDADE