Samsung presenta un localizador baseado en redes móbiles de banda estreita

luns, 16 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Dende hai anos temos no mercado localizadores que poder colocar en obxectos que non queremos extraviar, estando boa parte destes trebellos baseados en tecnoloxía Bluetooth, pero Samsung está a levar esta tecnoloxía a unha nova xeración, e hoxe presenta o Samsung Connect Tag, un pequeno trebello que podemos enganchar en obxectos valiosos ou na mochila dun cativo ou na correa dun can, facilitando así a súa localización tanto en interiores como en exteriores, xa que esta solución é a primeira no mercado de consumo en funcionar utilizando a tecnoloxía de rede de banda estreita (NB-IoT de categoría M1) deseñada para comunicación móbil de consumo de enerxía e datos reducidos.
Este dispositivo pode traballar con GPS, posicionamento mediante Wi-Fi ou incluso mediante información móbil, conseguindo localizar en interiores e exteriores con precisión, e podendo gozar de funcionalidades como as xeo-balizas, o que facilita o envío de notificacións cando o fuxe o can e o cativo volve da escola, así como tamén permitiría que ao achegarse a unha zona en concreto os sistemas domóticos puidesen entrar en acción e, por exemplo, prendesen as luces do fogar. Incluso podería deixarse un destes dispositivos no vehículo para a súa doada localización cando o deixemos nun enorme aparcadoiro.
O Samsung Connect Tag mide 42,1 x 42 x 11,9 milímetros, pesa 25 gramos, integra GPS, Wi-Fi, Bluetooth e micro USB 2.0, batería de 300 mAh (que achegaría até 7 días de autonomía cunha única carga) e eSIM (para conectarse a redes móbiles), é resistente á auga e funciona con Tizen IoT, sendo compatible con dispositivos con Android 6.0 ou superior a través dunha aplicación móbil.

PUBLICIDADE