Samsung presenta o seu tablet con pantalla de 7 polgadas

xoves, 2 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Dende a chegada ao mercado do iPad moitas foron as compañías que aseguraban que competirían con tal produto cun novo tablet que superaría as limitacións impostas por Apple optando polo sistema operativo Android ou por algunha variante de Linux, e finalmente oficialízase o que podería ser o tablet con Android de referencia, o Samsung Galaxy Tab, que presentouse hoxe en Berlín e que presenta unha pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, un grosor de 12 milímetros e un peso de 380 gramos, de xeito que estamos ante un dispositivo máis cativo que o iPad, pero tamén máis transportable e lixeiro, polo que máis que un competidor sería un produto nunha liña un tanto diferente, máis próxima aos MID.
O Samsung Galaxy Tab funciona cun procesador Cortex A8 a 1 GHz con PowerVR SGX540, Wi-Fi N, Bluetooth 3.0, conectividade 3G/HSPA (comentándose que aparte de SMS e MMS, tamén podería establecer chamadas de voz de utilizarse cun sistema de mans libres Bluetooth), cámara traseira de 3 Mpíxeles e outra frontal de 1,3 Mpíxeles (pensada para a videoconferencia), batería de 4.000 mAh que permite a reprodución de vídeo durante 7 horas seguidas, capacidade de almacenamento de 16 ou 32 Gb ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb, sistema operativo Android 2.2 (con soporte de Adobe Flash Player 10.1) coa promesa de que poderá actualizar a Android 3.5 (sistema que tería aos tablet en conta no seu deseño).

O Samsung Galaxy Tab pode ter múltiples usos profesionais

Este tablet non só pode acceder á Internet, comunicarse coas redes sociais máis populares e utilizarse coma teléfono, senón que tamén é un excelente reprodutor multimedia soportando vídeo en alta definición en múltiples formatos (DivX, XviD, MPEG-4, H.263, H.264 e outros) e agárdase que chegue ao mercado europeo a mediados de mes, adiantando Vodafone que no mes de outubro pasará a formar parte do seu catálogo de produtos, polo que entendemos que poderá adquirirse subvencionado, o que sería de agradecer, xa que contrastando distintas informacións podemos entender que o Samsung Galaxy Tab custaría libre 699 e 799 euros nas súas versión de 16 e 32 Gb de capacidade, o que sería incluso máis caro que o iPad.
Cómpre destacar que estamos ante un tablet que, obviando a súa pantalla de 7 polgadas, coincide en case todas as súas características co popular móbil Samsung Galaxy S, o que dá a entender que non é máis que un smartphone para usuarios que non queren consumir contidos nunha pantalla cativa, de aí que o seu fabricante destaque que serve para funcións coma ler documentos electrónicos, consultar características dun produto antes da súa compra, consultar mapas en liña ou facer uso da realidade aumentada, actividades que tiñamos asociadas a dispositivos de menor tamaño. ¿Conseguirá o Samsung Galaxy Tab superar tal prexuízo?


Anuncio do Samsung Galaxy Tab

O tablet de Samsung tamén pode empregarse para consultar mapas en liña ou coma navegador GPS
Un dispositivo deste tipo pode resultar práctico durante as nosas compras, para contrastar prezos ou consultar características e opinións dun produto
O Samsung Galaxy Tab destaca sobre outros tablets con Android por soportar a realidade aumentada

PUBLICIDADE