Samsung presenta novos portátiles da familia Galaxy Book

xoves, 29 de abril do 2021 Marcus Fernández

Samsung está a preparar toda unha nova xeración de portátiles da familia Galaxy, que caracterízanse por aproveitar o coñecemento da compañía surcoreana no sector móbiles para conseguir equipos máis prácticos en mobilidade, e que teñen un abano de prezos moi amplo, de xeito que os consumidores teñen unha boa ofertan entre a que escoller.
Para unha experiencia informática móbil básica temos o Galaxy Book, equipo cun procesador Intel Core de 11ª xeración, pantalla Full HD de 15,6 polgadas, entre 4 e 16 GB de RAM, até 512 GB de SSD, conectividade Bluetooth 5.1, Wi-Fi 6 e 4G, lector de impresións dixitais o botón de acendido, unha batería de 54Wh con carga de 65 watts), un grosor de 15,4 milímetros e un peso de 1,59 quilogramos, que busca atender aos usuarios menos esixentes, de aí que o seu prezo vai partir dos 549 dólares (100 euros máis na versión con 4G), polo que probablemente esteamos ante un equipo moi competitivo, aínda que queda por ver o prezo final que terá en España.
Para usuarios máis esixentes xa teríamos o Galaxy Book Pro, con pantalla Full HD AMOLED de 13,3 ou 15,6 polgadas, procesador Intel Core i5/i7 de 11ª xeración, 8/16 GB de RAM, até 1 TB de SSD, gráfica Iris X ou nVIDIA GeForce MX450, lector de impresións dixitais o botón de acendido, Bluetooth 5.1, Wi-Fi 6, 4G, batería de 63/68 Wh con carga de 65 watts, e un peso que arte dos 870 gramos para o modelo con pantalla de 13,3 polgadas e chega aos 1,15 quilogramos para o modelo con pantalla de 15,6 polgadas. O prezo do modelo con pantalla de 13,3 polgadas parte dos 999 dólares (1.099 dólares con LTE) e de 1.099 dólares no caso do modelo con pantalla de 15,6 polgadas. Un equipo que parece chamado a competir cos portátiles de Apple, xa que combinan deseño e boas prestacións, aínda que chegan con vantaxes relativas á conectividade e ao prezo.
Como un pequeno xiro teriamos tamén os Galaxy Book Pro 360, que serían unha revisión dos anteriores incorporando unha pantalla táctil xiratoria compatible co S Pen, de xeito que sería un convertible que partiría dos 1.04 quilos na versión de 13,3 polgadas e dos 1,39 quilos na versión de 15,6 polgadas, polo que serían bastante manexables para o seu uso realizando anotacións ou facendo ilustracións. Nesta ocasión o modelo con pantalla de 13,3 polgadas parte dun prezo de 1.199 dólares (1.399 dólares no caso da versión con 5G) e o modelo con pantalla de 15,6 polgadas partiría dos 1.299 dólares. Desta volta poderiamos pensar que Samsung busca ser alternativa aos Surface de Microsoft.
En todo caso falamos de portátiles bastante competentes, con deseños coidados e detalles que farán que Samsung sexa un fabricante á hora de adquirir un portátil cando a mobilidade sexa un factor importante.

Os Galaxy Book son os equipos de partida dunha gama que se adapta a moitos perfís de usuario

PUBLICIDADE