Samsung presenta novos Galaxy A resistentes á auga

luns, 2 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Samsung anunciou hoxe o que será a súa nova familia de smartphones Galaxy A cos modelos A3, A5 e A7 con tamaños de pantalla de 4,7, 5,2 e 5,7 polgadas respectivamente, e que conservan o deseño coidado propio desta serie de teléfonos (caracterizados polo seu marco de metal e o seu cristal curvado) mellorando en potencia e en calidade da súa cámara e incorporando por primeira vez nos Galaxy A certificación IP68 de resistencia ao po e á auga. Amais tamén destacan por permitir ampliacións de memoria mediante tarxetas microSD de até 256 GB, contar con carga rápida a través de USB-C, aforrar batería coa funcionalidade Always on Display (que permite consultar a data e a hora sen ter que espertar o dispositivo) e incluso contar con NFC para permitir pagamentos seguros co móbil.
O maior da familia sería o Galaxy A7, con pantalla Super AMOLED Full HD de 5,7 polgadas, procesador de 8 núcleos a 1,9 GHz, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB, cámaras traseira e frontal de 16 Mpíxeles con apertura f/1.9, lector de pegadas dixitais, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, batería de 3.600 mAh e un grosor de 7,9 milímetros. Curiosamente funciona con Android 6.0.16 en vez de incluír a última versión de Android.
O Galaxy A5 sería moi semellante, reducindo a súa pantalla a 5,2 polgadas e a súa batería a 3.000 mAh, mentres que o Galaxy A3 xa sería un terminal máis modesto, con pantalla HD Super AMOLED de 4,7 polgadas, procesador a 1,6 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento, cámaras de 13 e 8 Mpíxeles (ambas con apertura f/1.9) e batería de 2.350 mAh.
Estes novos smartphones sairán á venda en Rusia nos vindeiros días con carcasas en catro cores diferentes (negro, dourado, azul e melocotón), chegando ao resto de mercados globais máis adiante.

PUBLICIDADE