Samsung presenta dispositivos Android con pantallas de 7,7 e 5,3 polgadas

venres, 2 de setembro do 2011 Marcus Fernández

O Samsung Galaxy Tab 7.7 é o primeiro dispositivo da súa categoría en incorporar unha pantalla Super AMOLED Plus

Para competir co iPad de Apple dende Samsung están a apostar con moita forza polo seu tablet con pantalla de 10,1 polgadas, pero co gallo do IFA deBerlín sorprenden apostando por varios dispositivos de menor tamaño como o Samsung Galaxy Tab 7.7, que presume de ser o primeiro tablet móbil con pantalla Super AMOLED Plus (que ofrece un elevado nivel de brillo), pero que tamén destaca por outros detalles como contar cun procesador de dobre núcleo a 1,4 GHz mentres contén o seu grosor en 7,89 milímetros e o seu peso en 335 gramos, polo que sería un dos tablets de maior portabilidade no mercado.
Este dispositivo tamén ten unha boa autonomía (a súa batería de 5.100 mAh permítelle reproducir vídeo 10 horas seguidas) e funciona co sistema operativo Android 3.2. Pode ampliarse a súa capacidade interna mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb, ten conectividade HSPA+ de ata 21 Mbps, Wi-Fi N, Bluetooth 3.0, USB 2.0, GPS, cámaras de 3 e 2 Mpíxeles e, pese a ter unha pantalla de reducido tamaño, pode reproducir vídeo en alta definición a 1.080p (inclúe soporte de DivX, Xvid, WMV, H.263, H.264 e MPEG-4).

O Samsung Galaxy Note permitirá utilizar unha stylus na súa pantalla táctil e conta cunha elevada resolución

Pero para moitos resulta aínda máis rechamante outro produto máis cativo, o Samsung Galaxy Note, que coa súa pantalla Super AMOLED de 5,3 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles abre unha nova gama de dispositivos que busca ter unha portabilidade semellante á dun teléfono móbil, pero con algunhas prestacións máis propias dun tablet. Esta pensado para empregarse cun punteiro chamado S Pen, facilitando tomar notas e capturar ideas en mobilidade, recuperando en parte o espírito dos PDA ao converterse nunha especie de caderno dixital avanzado.
A pantalla de alta resolución do Galaxy Note permite que sexa posible ver presentacións de PowerPoint, páxinas web, aplicacións de novas, libros electrónicos... minimizando o uso do desprazamento ou do zoom, e o seu procesador a 1,4 GHz garante unha fluidez de uso do seus sistema operativo Android 2.3. Tamén conta con conectividade móbil (HSPA+ de ata 21 Mbps), cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, reprodución multimedia (soportando ata vídeos en alta definición a 1.080p), GPS, Wi-Fi N, Bluetooth 3.0, USB 2.0, 16/32 Gb de memoria interna (ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb), unhas medidas de 145,82 x 82,95 x 9,65 milímetros e unha batería de 2.500 mAh.


Vídeo de presentación do Samsung Galaxy Note

PUBLICIDADE