Samsung presenta as súas unidades SSD de 2 TB

luns, 6 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Pouco a pouco os discos duros tradicionais van pasando á historia, e comezan a imperarse as unidades SSD, cunhas velocidades de lectura e gravación moi superiores, que rachan co principal pescozo de botella que hai nos equipos informáticos, e aínda que o limitado tamaño destas unidades facía que en moitas ocasións houbese que adoptar solucións mixtas (con unidades híbridas ou combinando o uso de unidades SSD con discos duros) as novas unidades farán posible evitar este escenario, e así Samsung Electronics presenta as súas novas unidades SSD 850 PRO e 850 EVO con 2 TB de capacidade en formato de 2,5 polgadas, facendo que Samsung conte cun amplo abano de unidades de memoria de estado sólido, partindo de discos de 120 GB, de xeito que conseguen satisfacer a case calquera usuario.
Dende Samsung están a esforzarse en achegar novas capacidades de SSD entre a elevada demanda que teñen actualmente as unidades SSD de 500 GB, entendendo que o mercado está a esixir unidades que superen o terabyte de capacidade, en boa medida pola emerxencia do vídeo en ultra alta definición, que precisa tanto de elevadas taxas de lectura/escritura como de grande capacidade para o seu almacenamento.
A diferencia entre as dúas unidades presentadas é que o modelo profesional garante unha vía de 10 anos ou a escritura de 300 TB, mentres que o modelo EVO estaría garantido para 5 anos de uso ou 150 TB de escritura. O modelo máis económico custaría 800 dólares (722,66 euros), o que supón unha importante barreira para a súa popularización, pero este tipo de unidades están a reducir o seu prezo a pasos axigantados, polo que cada día é menos sorprendente ver como equipos portátiles veñen configurados de fábrica con unidades SSD.

PUBLICIDADE