Samsung presenta as súas novas pantallas Micro LED no CES

luns, 7 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

O CES de Las Vegas desenvolverase esta semana e, para comezar con bo pé, Samsung celebrou o seu evento anual Fist Look, no que deron a coñecer as súas últimas novidades na tecnoloxía modular Micro LED, da que amosaron unha pantalla de 75 polgadas, o modelo The Wall de 219 polgadas e outros deseños con tamaños, formas e configuracións sorprendentes para demostrar o potencial desta tecnoloxía.
Dende Samsung aseguran que estas novas pantallas de televisión compostas por módulos individuais de emisores micro LED que conteñen chips microscópicos de LED vermellos, verdes e azuis inorgánicos que emiten a súa propia luz para producir millóns de cores brillantes en pantalla, ofrecen unha calidade de imaxe inigualable, que supera a calquera tecnoloxía de pantalla dispoñible actualmente no mercado.
A pantalla The Wall xa chamara a atención na edición do CES do ano pasado, pero desta volta pasaron dunha pantalla de 146 polgadas a outra de 219, aínda que non só apostaron por maiores tamaños, senón tamén por maiores resolucións, de xeito que conseguiron chegar ás 4K nun panel de só 75 polgadas, máis apta para o fogar.
Dende Samsung destacan que a tecnoloxía Micro LED facilita a modularidade, de xeito que permite crear configuracións en relacións 9x3, 1x7 ou 5x1 que se adapten a necesidades espaciais, estéticas e funcionais, de xeito que esta tecnoloxía irá moito máis aló dos televisores tradicionais, especialmente por carecer de marcos entre os módulos, co que conseguen un efecto de piscina infinita impresionante e sen fisuras, mesturando as pantallas con elegancia en moitos contornos.

JPEG - 147.7 KB
Jonghee Han amosou as novas pantallas Micro LED de Samsung no CES de Las Vegas

PUBLICIDADE