Samsung prepárase para lanzar un asistente de voz propio: Bixby

luns, 20 de marzo do 2017 Marcus Fernández

InJong Rhee foi o encargado de adiantar detalles sobre Bixby

Pese a que Google ofrece aos fabricantes de dispositivos con Android a posibilidade de empregar o seu asistente, dende Samsung queren ter unha tecnoloxía de seu, e pouco a pouco van adiantando máis detalles de Bixby, solución que nace como un novo xeito de interactuar co teléfono, pero que no futuro irase abrindo a novos produtos, de xeito que poderase empregar para controlar o aire acondicionado ou o televisor, xa que a tecnoloxía non estaría no smartphone, senón na nube.
O vicepresidente executivo e director de I+D de Samsung, InJong Rhee, asegura que Bixby será diferente doustros asistentes de voz no mercado, ao ofrecer unha experiencia máis profunda apoiada na completitude (as aplicacións compatibles con Bixby permitirán que o asistente realice practicamente todas as súas funcións básicas), na percepción do contexto (Bixby entenderá o que se está a facer en cada momento para actuar en consecuencia e non alterar o que está a realizar o usuario nun momento dado) e tolerancia cognitiva (Bixby será capaz de entender ordes con información incompleta, tentando axustarse ao máximo en función da información dispoñible e preguntando só cando precise dalgún dato crucial).
Un dos xeitos cos que Samsung buscará que Bixby estea ben integrando nos seus produtos é mediante a incorporación dun botón dedicado no lateral dos seus vindeiros terminais de xeito que, por exemplo, para realizar unha chamada xa non será preciso desbloquear o móbil, ir á aplicación de teléfono buscar a persoa á que desexemos chamar e premer sobre a mesma para iniciar a marcación do seu número de teléfono, senón que chegará con premer o botón de Bixby e pedir o establecemento da comunicación falando.
Aínda que admiten que Bixby será unha das prestacións novas do inminente Galaxy S8, dende Samsung queren deixar claro que esta tecnoloxía de intelixencia artificial aínda está moi verde, e inicialmente só funcionará cun reducido número de aplicacións preinstaladas, aínda que no futuro poderá chegar máis aló, e incluso publicarán un SDK para que os desenvolvedores poidan facer que as súas creacións poidan tirar proveito de Bixby.

PUBLICIDADE