Samsung prepara un smartphone con pantalla dobrable para 2018

martes, 12 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Na mesma semana na que sairá á venda o Galaxy Note8 o presidente da división móbil de Samsung Electronics, Koh Dong-jin, realizou comentarios sobre futuros produtos que dan a entender que aínda queda moito espazo para a innovación, xa que asegura que para o ano que vén pretenden comercializar un smartphone cunha pantalla que poidan dobrarse, produto que leva anos nos laboratorios da compañía, e que aínda ten que superar algúns atrancos para converterse nun produto de consumo.
Lembremos que Samsung xa innovou coas pantallas curvas, que foron integrándose pouco a pouco en distintos teléfonos até converterse en todo un estándar para os dispositivos de gama alta, e de conseguir fabricar un teléfono cunha pantalla que non só poida adoptar unha forma curva ou lixeiramente flexible, senón que poida dobrarse completamente para poder transportarse nunha forma compacta, suporía toda unha revolución para o xeito de entendermos os teléfonos móbil (que xa as pantallas de grande tamaño deixarían de ser un problema para moitos usuarios).
Koh Dong-jin tamén confirmou que están a traballar con Harman para desenvolver un altofalante cunha intelixencia artificial para que os usuarios poidan darlle ordes (como reproducir música) na liña do Homepod que tamén prepara Apple.
Sobre o lanzamento do Note8, dende Samsung confirman que en Corea do Sur recibiron unhas 650.000 reservas, o que é un volume impresionante se temos en conta que estamos ante o smartphone máis caro da compañía, aínda que esta boa acollida podería ter moito que ver co feito de que o Note7 fose retirado do mercado, de xeito que os incondicionais da familia Note están ansiosos por volver ter un smartphone de alta gama con S Pen.

Vídeo no que podemos ver conceptos de futuras tecnoloxías de pantalla para smartphones desenvolvidas por Samsung

PUBLICIDADE