Samsung prepara un smartphone con formato de cuncha e dobre pantalla

mércores, 18 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Tras a comercialización en España dun smartphone con formato de cuncha por parte de LG, é agora toda unha incógnita se Samsung atreverase a facer algo semellante, xa que o fabricante surcoreano si está a preparar smartphones con Android 5.1.1 con dito formato, aínda que non sabemos se realmente chegarán até fóra do seu mercado local.
Pese a que aínda non se presentou oficialmente, xa son moitos os detalles que se coñecen do terminal chamado SM-W2016, que sorprendería por contar con pantallas de 3,9 polgadas cunha resolución de 1.280 x 768 píxeles en ambas partes da súa tapa, de xeito que podería operarse con el incluso coa tapa pechada. A grande vantaxe deste dispositivo é que non prescindiría do tradicional teclado numérico, unha interface coa que certo tipo de usuarios está moi familiarizado, de xeito que poderían casar un manexo tradicional coa posibilidade de gozar de funcionalidades avanzadas como aplicacións tipo WhatsApp.
Pese a que estamos ante un smartphone que parece dirixido a un público de idade avanzada, á hora de equipalo tecnicamente non parecen velo do mesmo xeito, e estarían a dotalo dunhas prestacións de luxo, xa que funcionaría cun procesador Exynos 7420 de 8 núcleos a 2,1 GHz, 3 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno e incluso cámaras de 16 e 5 Mpíxeles, de xeito que poderiamos definilo como unha versión con tapa do Galaxy S6.

O teléfono contaría con pantalla na parte exterior da súa tapa

PUBLICIDADE