Samsung pon prezo aos seus novos monitores LED 3D

luns, 7 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Durante o CES Samsung amosou uns atractivos monitores LED 3D con sintonizador de televisión dixital de alta definición que xa preparan a súa chegada ao mercado, pois o fabricante surcoreano vén de difundir os seus prezos de lanzamento, que serán de 890.000 wons (569,49 euros) no caso do Samsung T27A950 e de 840.000 wons (537,50 euros) para o Samsung T27TA750, destacando o primeiro polo seu deseño asimétrico.
Estes monitores de 27 polgadas diferéncianse principalmente polo seu deseño externo, incorporando ambos unha relación de contraste 1.000:1, un tempo de resposta de 2 milisegundos e unha resolución de 1.080p. Tamén incorporan a tecnoloxía Smart TV, que facilitan a conexión destas pantallas a servizos coma YouTube, Twitter ou Facebook.
Como vantaxe destes monitores tamén está o feito de que os contidos 3D chegan a través de HDMI, de xeito que serán compatibles con ordenadores, consolas de videoxogos, reprodutores de Blu-ray 3D e outros dispositivos, mentres que a meirande parte dos monitores 3D actuais non permiten tal versatilidade (pois reciben o sinal do ordenador a través de 2 conexións DVI).
Polo momento non sabemos dos plans de comercialización destas pantallas en Europa, pero é de agardar que cheguen en poucas semanas.

PUBLICIDADE