Samsung pon á venda unha nova tableta resistente para uso profesional

martes, 29 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Atendendo as necesidades de mobilidade máis esixentes do mundo profesional Samsung anuncia a súa tableta resistente Galaxy Tab Active3, que mantén un deseño elegante e compacto pese a estarmos ante un produto pensado para soportar as condicións dos traballos de campo, para o que tamén inclúe capacidades de sensibilidade táctil para permitir que profesionais como sanitarios e corpos de seguridade poidan interactuar coa pantalla con luvas.
A Samsung Galaxy Tab Active3 conta coa certificación MIL-STD-810H, sendo capaz de soportar caídas de até 1,5 metros cunha funda protectora, e ten certificación IP68 de resistencia ante o po e a auga, de xeito que é un produto apto para traballos en exteriores.
A tableta está equipada cun procesador Exynos 9810, 4 GB de RAM e até 64 GB de almacenamento interno; a súa pantalla de 8 polgadas ten unha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles; ten conectividade Wi-Fi 6, ten cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, a súa batería de 5.050 mAh conta con carga rápida (existindo tamén a posibilidade da súa instalación fixa sen batería), pode empregarse cun S Pen (accesorio moi práctico para a captura de sinaturas e a xestión de documentos complexos empregando luvas), inclúe NFC para a facilitar pagamentos e tamén ten soporte de 4G para poder gozar de conectividade en case calquera lugar. Unha tableta de só 429 gramos de peso que resulta ideal para numerosos contornos profesionais.

O Samsung Galaxy Tab Active3 pode empregarse con luvas

PUBLICIDADE