Samsung mellora os seus tablets con Android 3.0 antes da súa chegada ao mercado

martes, 22 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Lee Don-Joo comentou tras a presentación do iPad 2 que terían que repensar o Samsung GALAXY Tab 10.1, no que parecía unha declaración escandalosa por terse producida a poucos días da chegada ao mercado dos novos tablets da compañía surcoreana de electrónica de consumo, pero agora volven a presentar nos novos dispositivos con Android 3.0 que presumen de seren os trebellos deste tipo máis delgados do mercado cun grosor de 8,6 milímetros (0,2 milímetros menos que o iPad 2).
Os novos tablets de Samsung serían o GALAXY Tab 10.1 e 8.9, con números que definen o tamaño das súas pantallas, e que pesan 595 e 470 gramos respectivamente, polo que tamén serían máis lixeiros que o novo tablet de Apple, no que parece tratarse dunha das reaccións máis rápidas do sector que temos visto.
Os novos GALAXY Tab tamén soportarán conexións de banda larga móbil HSPA+ de ata 21 Mbps, Bluetooth e Wi-Fi N, funcionará cun procesador de dobre núcleo a 1 GHz, cámara traseira de 3 Mpíxeles e dianteira de 2 Mpíxeles.
O Samsung GALAXY Tab 10.1 conta cunha pantalla de 1.280 x 800 píxeles, que resulta bastante axeitada para a reprodución de vídeo de alta definición e unha completa experiencia web (incluíndo soporte da tecnoloxía Flash 10.2), mentres que o seu irmán pequeno con pantalla de 8,9 polgadas buscaría un uso máis propio da lectura de libros electrónicos ou pensando en profesionais en mobilidade (que queiran consultar o correo e a web durante as súas viaxes).
O Samsung GALAXY 10.1 con Wi-Fi debería saír á venda o 8 de xuño a un prezo de 499 dólares no seu modelo de 16 Gb, incrementando o seu prezo en 100 dólares no modelo de 32 Gb; mentres que o Samsung GALAXY 8.0 con Wi-Fi e 16 Gb chegaría a primeiros de verán a 30 dólares menos que o seu irmán maior. Curiosamente en Europa continuará a comercializarse o Samsung GALAXY Tab 10.1V por parte de Vodafone, ou sexa, o modelo presentado antes que o iPad 2, que ten un grosor 2,3 milímetros maior e unha cámara de 8 Mpíxeles, así como conectividade 3G, que non parece ser maneto, pero sorprendendo por competir cun modelo de tablet que apostaría pola elegancia que achega o reducido grosor dos últimos dispositivos deste tipo.

PUBLICIDADE