Samsung apunta baixo co seu novo GALAXY Tab 3

luns, 29 de abril do 2013 Marcus Fernández

Aínda que as grandes marcas entraron no mercado dos tablets intentando competir directamente co iPad de Apple, a evolución do mercado está a levalas a buscar outras categorías de produtos, de aí que Samsung anuncie hoxe o seu GALAXY Tab 3, un tablet con pantalla de 7 polgadas e Android 4.1 que podería considerarse de gama media-baixa, como os moitos que actualmente podemos ver nas tendas a uns prezos bastante axustados. Este novo dispositivo porase á venda nunha versión con Wi-Fi o mes que vén, para estrear versión con 3G no mes de xuño, aínda que non desvelan nin datas concretas nin prezo (que serán variables segundo o mercado). Aseguran que a versión con 3G do tablet permitirá facer chamadas de voz.
O Samsung GALAXY Tab 3 busca ser un tablet compacto, que poida suxeitarse comodamente cunha man, que permite unha satisfactoria reprodución multimedia e que incluso sirva para capturar momentos da vida diaria coas súas cámaras. Para estas finalidades está equipado cun procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 8/16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria microSD de ata 64 Gb), cámaras de 3 e 1,3 Mpíxeles, GPS, Wi-Fi N, Bluetooth 3.0 e USB 2.0. A súa pantalla TFT de 7 polgadas ten unha resolución de 1.024 x 600 píxeles, a súa batería ten unha capacidade de 4.000 mAh, ten un grosor de 9,9 milímetros e pesa só 302 gramos na súa versión con Wi-Fi (incrementando o seu peso na versión con 3G en só 4 gramos).

JPEG - 82.3 KB
O GALAXY Tab 3 será o tablet económico de Samsung

PUBLICIDADE