Samsung amosará en Canadá pantallas de 13,3 polgadas cunha resolución de 3.200 x 1.800 píxeles

luns, 20 de maio do 2013 Marcus Fernández

Durante os vindeiros días Samsung Display vai amosar algunhas das súas novas pantallas no Centro de Convencións de Vancouver co gallo da celebración da Display Week organizada por SID, o que servirá para dar a coñecer o nivel ao que poden chegar as pantallas dos novos móbiles, ordenadores e televisores nos vindeiros meses, avanzando na constante carreira por unha maior definición, que está a chegar a uns niveis nos que poñen a proba ao ollo humano.
Un dos produtos que vai amosar Samsung é a súa pantalla AMOLED Full HD de 4,99 polgadas, que fai uso da tecnoloxía DIamond Pixel, e que promete unha gama de cores moi ampla, así como un texto moito máis definido.
Pero aínda que as pantallas para móbiles sexan o ámbito máis dinámico nos últimos meses, o resto de tecnoloxías de pantalla de Samsung Display non quedan atrás, e van amosar en Vancouver unha pantalla LCD de 10,1 polgadas para tablets que presumirá da súa resolución de 2.560 x 1.600 píxeles, á vez que sorprenderá cos 3.200 x 1.800 píxeles da súa pantalla LCD de 13,3 polgadas para portátiles (que superaría sobradamente ás pantallas Retina de Apple).
O fabricante surcoreano tampouco esquecerá os grandes televisores de Ultra HD, que xa se deron a coñecer nos últimos meses, e que, este ano van chegar ao mercado en tamaños de 85 polgadas, o que non parece responder a unha grande demanda do mercado, pero que indicaría que o problema está na falta de contidos e non na posibilidade técnica de fabricar produtos que permitan trasladar imaxe con calidade cinematográfica no fogar ou en pequenos negocios.

PUBLICIDADE