Saints Row: Gat out of Hell é un dos Xogos con Gold de decembro

mércores, 25 de novembro do 2020 Marcus Fernández

A listaxe de xogos que recibirán os subscritores Gold de Xbox LIVE no mes de decembro fíxose pública, e un mes máis temos a sensación de que Microsoft está a ofrecer unha selección de xogos nada destacable, xa que centran os esforzos da compañía no catálogo do Game Pass, xa que está a ser o servizo de subscrición estrela da compañía.
Os xogos de Xbox One que chegarán en decembro poderían describirse como grandes descoñecidos para o público xeral, como serían The Raven Remastered (unha historia de crimes ambientada no Londres de 1964) e Bleed 2 (xogo de acción de desprazamento horizontal con gráficos pixelados no que hai que disparar e esquivar balas a través de 7 niveis nos que derrotar a máis de 25 xefes finais).
Por outra banda, grazas á retrocompatibilidade recibiremos un par de xogos de Xbox 360 como Saints Row: Gat out of Hell (o único minimamente coñecido do mes, aínda que trátase dunha entrega menor da franquía de Saints Row) e Stacking (que pese a ser pouco coñecido, trátase dunha aventura con quebracabezas protagonizada por bonecos rusos viventes, proposta bastante orixinal que chega da man de Double Fine Productions, polo que non serán poucos os que queiran darlle unha oportunidade).

PUBLICIDADE