Saen á venda en España o HomePod e o iPhone Xr

venres, 26 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Tim Cook presentando en España o HomePod nun encontro coa cantante Rosalía

Hoxe é un día moi especial para Apple en España, xa que coinciden no tempo dous lanzamentos, ao saír á venda en numerosos países o agardado iPhone Xr (o modelo máis económico da actual xeración) e por desembarcar finalmente no noso territorio o altofalante conectado HomePod.
Para a presentación deste último, Apple contou cunha invitada de excepción, a cantante Rosalía, quen onte puido compartir uns momentos con Tim Cook na súa visita a España, nun evento no que a artista adiantou un par de temas do seu vindeiro álbum mentres que o máximo responsable da compañía da mazá recoñeceu que «la música corre por nuestras venas».
O HomePod é un altofalante sen fíos que sorprende por adaptarse de xeito dinámico ao seu contorno, conseguindo así cunha grande calidade sonora en practicamente calquera estancia dunha casa, á vez que facilita o acceso a Apple Music e a Apple Podcasts, permite facer e recibir chamadas en mans libres e pode tirar proveito de xeito moi básico de Siri, tanto para manexar a reprodución musical como para controlar a domótica que empregue HomeKit. Véndese en branco ou en negro a un prezo de 349 euros e grazas ás actualizacións recibidas nos últimos meses permite configuracións de altofalantes en parella para conseguir son en estéreo, ou tamén a reprodución sincronizada en varias instancias á vez (simulando así un fío musical).

Tim Cook en Milán, celebrando o lanzamento do iPhone Xr

Pola súa banda o iPhone Xr é a versión económica dos novos iPhone Xs, que prescinde de pantalla AMOLED para contar cunha pantalla IPS de 6,1 polgadas cunha resolución de 1.792 x 828 píxeles (ou sexa, de só 326 puntos por polgada, fronte aos 458 puntos por polgadas do iPhone Xs) e tamén prescinde da cámara dual traseira, conformándose cunha única cámara, aínda que contando igualmente con modo retrato.
Pero o iPhone Xr será posiblemente o smartphone de Apple que máis venda da presente xeración, principalmente por ter un prezo moi económico, pero tamén por ofrecerse nunha ampla gama de cores (branco, negro, azul, amarelo, coral e vermello) e por ser o iPhone coa mellor autonomía da historia, conseguindo por fin que os usuarios non se teñan que preocupar de levar un cargador enriba por se non podían rematar a xornada con carga dabondo.
O iPhone Xr parte dun prezo de 859 euros para o seu modelo con 64 GB de almacenamento, aínda que posiblemente o modelo seguinte, con 128 GB de capacidade goce de maior éxito, pois incrementa o seu prezo en só 60 euros. O modelo de 256 GB, pola súa banda, véndese a 1.029 euros. Desta volta Apple parece ter axustado bastante ben as existencias iniciais, e non parece haber problemas para conseguir os teléfonos en prazos prudentes.
Dado que este smartphone leva semanas sendo probado en primicia por distintos medios de comunicación, ve a luz acompañado por opinións bastante informadas, nas que destacan unanimemente o seu rendemento, a calidade das súas cámaras e, moi especialmente, as súa autonomía, dando a impresión de que adiaron o lanzamento deste terminal para non erosionar as vendas iniciais do iPhone Xs e Xs Max.

PUBLICIDADE