Sae á venda un termómetro que pode conectarse ao móbil mediante minijack

luns, 10 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Tras completar con éxito unha campaña de micromecenado en Indegogo o ano pasado, o Kinsa Smart Thermometer xa é unha realidade, podendo adquirirse por 29,99 dólares non só a través da súa páxina web, senón tamén na propia Apple Store, facendo moi doada a adquisición deste termómetro que está deseñado para operar con smartphones a partir do iPhone 4S grazas á súa aplicación oficial de balde, que facilita o seguimento das temperaturas rexistradas, aínda que cómpre destacar que tamén funciona con dispositivos con Android como os Samsung GALAXY S3, S4, S5, Note 2 e Note 3 coa súa respectiva aplicación en Google Play.
Este termómetro pode realizar unha lectura en só 10 segundos, e pode resultar bastante sorprendente polo xeito de comunicarse co móbil, xa que en vez de optar por tecnoloxías sen fíos, pode comunicar as súas lecturas conectando un dos seus extremo á toma de auriculares do teléfono. O dispositivo mide 13,21 x 1,52 x 0,51 centímetros, non precisa de baterías para operar e supón un paso máis na vaga de produtos destinados á saúde que previsiblemente chegarán nos vindeiros meses, en boa medida pola aposta de Apple a este respecto coa creación da plataforma HealthKit (que tamén conta con equivalentes de Google e Microsoft).

O termómetro comunícase co móbil polo conector de auriculares

PUBLICIDADE