Sae á venda o esperado Mortal Kombat 11

martes, 23 de abril do 2019 Marcus Fernández

Hoxe rematou a espera para os seareiros dunha das sagas de xogos de loita máis lonxevas e emblemáticas, chegando ás tendas Mortal Kombat 11, título co que NetherRealms volve a achegarnos a este violento estilo de xogo no que desta volta esvaecen as barreiras entre liñas temporais de xeito que poderemos ver como Johnny Cage poderá enfrontase cara a cara cunha versión moza de si mesmo (tal e como o coñecemos nos anos 90).
Tamén hai novas incorporacións ao cadro de loitadores (como Geras, que emprega como arma as areas do tempo, e Cetrion, unha deusa que domina os elementos) e amplas opcións de personalización, de xeito que teremos unha grande capacidade de elección para facer uso dos ataques dos que máis gustemos.
A nova entrega desta saga que leva 25 anos repartindo golpes está xa dispoñible para Xbox One, PlayStation 4 e PC, estando previsto que máis adiante chegue tamén a Nintendo Switch. Aparte da edición estándar, Mortal Kombat 11 tamén pode adquirirse nunha edición especial e noutra premium, que inclúen principalmente contidos dixitais adicionais; sendo especialmente rechamante a Kollector’s Edition que, sería como a versión premium xunto cun imán exclusivo e unha máscara de tamaño natural de Scorpion.

O xogo mantén nesta nova entrega a súa habitual dose de violencia
A edición para coleccionistas de Mortal Kombat 11 inclúe unha máscara de Scorpion

Tráiler de lanzamento de Mortal Kombat 11

PUBLICIDADE