Sae á venda en Corea do Sur o LG G Pad 8.3

luns, 7 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Tras presentarse na feira IFA de Berlin, o tablet LG G Pad 8.3 ve por fin a luz no mercado surcoreano, primeiro paso deste dispositivo que prevé o seu lanzamento nos EE.UU. nos vindeiros días, para despois chegar a Europa. Estamos ante un equipo con pantalla de 8,3 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles que consegue colocarse no chanzo directamente superior (no que a pantalla se refire) ao Nexus 7, podendo chegar a ser todo un referente neste formato.
O LG G Pad 8.3 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 600 de catro núcleos a 1,7 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), Android 4.2.2, GPS, Bluetooth 4.0 LE, batería de 4.600 mAh, un grosor de 8,3 milímetros e un peso de só 338 gramos, que pode considerarse como un magnífico rival para o iPad mini, ao que supera en practicamente todos os apartados técnicos neste momento.

PUBLICIDADE