Sae á venda Sonic Generations para Xbox 360, PS3 e PC

venres, 4 de novembro do 2011 Marcus Fernández

A versión para Nintendo 3DS de Sonic Generations faise agardar ata o vindeiro día 25

Celebrando os 20 anos de vida da mascota de SEGA, chega hoxe ás tendas españolas a derradeira entrega das aventuras do ourizo azul máis carismático do mundo, Sonic Generations, dispoñible inicialmente en versión físicas para PlayStation 3 e Xbox 360 (e para PC como descarga), mentres que para a Nintendo 3DS haberá que agardar ao 25 de novembro para poder facerse no que moitos consideran como o mellor xogo do personaxe na última década.
Este novo xogo revive as aventuras de Sonic durante as dúas últimas décadas, homenaxeando grandes niveis das primeiras entregas da saga, con aparicións de numerosos personaxes desta franquía, e incluso cruzando a dúas versións diferentes do propio Sonic, que vense as caras grazas a buratos temporais. De feito, o xogo alternará o Sonic Clásico co Sonic Moderno, contando cada un con niveis feitos á súa medida (pois teñen movementos especiais diferentes).
Sonic Generations tamén permite desbloquear novas aventuras de xeito que tras superar cada nivel e liberados os amigos de Sonic, poderase retornar á fase para enfrontarse a máis retos xunto en compañía, alargando a experiencia de xogo que tamén contará con modos multi-xogador en liña e local.
Cómpre destacar que este xogo estará dobrado ao español, de xeito que é a primeira vez que podemos escoitar a Sonic falando na lingua de Cervantes.


Trailer de lanzamento de Sonic Generations