Sae a poxa un prototipo de consola creado por Nintendo e Sony

venres, 14 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

Estes días Heritage Auctions está a acoller unha poxa que posiblemente faga historia converténdose no produto da industria do videoxogo polo que se chega a pagar máis, xa que actualmente ofrecen 350.000 dólares para facerse cun prototipo da consola na que estaban a traballar conxuntamente Sony e Nintendo en 1992, que algúns coñecen como a Nintendo PlayStation, aínda que realmente trataríase dunha consola Super Nintendo con CD-ROM.
Esta consola era case un mito, e aínda que chegaron a construírse uns 200 prototipos, pénsase que estamos ante a única unidade que se conserva na actualidade. Atopouse en 2009 e leva anos deixándose ver nalgúns eventos de informática retro, converténdose en todo un obxecto de desexo, xa que representa un momento moi importante da industria do videoxogo á vez que trátase dun produto moi raro, por non ter chegado a comercializarse.
Esta máquina construíuse nun intre moi especial, no que o mercado das consolas de videoxogos estaba dominado por SEGA e Nintendo, e xurdía o CD como soporte, o que soubo verse como unha oportunidade para a que Nintendo entendeu que un fabricante como Sony podería ser un bo aliado, aínda que rematou rachando o acordo e optando por Philips como socio (alianza que facilitaría o nacemento da fracasada consola Philips CDi).
Este contacto de Sony cos videoxogos sería o que propiciaría a creación da PlayStation, marca que converteríase no grande referente dos vindeiros anos, de aí que un obxecto que represente este punto de inflexión sexa tan importante, xa que marca un antes e un despois na historia dos videoxogos (tendo máis valor que un prototipo de PlayStation orixinal pola súa condición de rareza case mítica).

Vídeo promocional da poxa

PUBLICIDADE