Sae a concurso a planificación estratéxica da Xunta no ámbito das TIC

mércores, 9 de setembro do 2009 Raquel Noya

Logo da publicación nos medios das conclusións extraídas do último estudo sobre a e-administración autonómica, que poñía ao descuberto o problema da nosa administración (e de outras moitas no territorio nacional) por subir ao carro das novas tecnoloxías, o Goberno galego non quixo quedar de brazos cruzados e vén de convocar a contratación do seu Plan Estratégico Tecnolóxico Global (2010-2013), así como o Plan de Sistemas TIC na Administración de Xustiza no que se inclúan as máis modernas tecnoloxías para poñelas a disposición de toda a cidadanía.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, como órgano superior da Administración autonómica a quen lle corresponde o impulso, asesoramento técnico e apoio en materia de tecnoloxías da información e a comunicación, foi a encargada de facer o anuncio, así como de convocar, esta mesma semana, a contratación do servizo relativo á elaboración do plano de sistemas TIC na Administración de Xustiza en Galicia.
Mediante esta última medida, a Xunta pretende licitar o servizo de implantación de aplicacións no devandito organismo; un servizo que abrangue a implantación da ferramenta, a xestión das aplicacións e a formación dos usuarios.
No tocante ao plano de sistemas TIC, os seus responsables veñen de anunciar que proporá a definición dunha serie de actuacións e un escenario, que califican de “obxectivo, pragmático e realista” para o marco temporal 2010-2012.
A estas medidas hai que engadirlle a publicación da licitación do servizo de atención a usuarios de sistemas de información da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

PUBLICIDADE