Sada fai un chamamento ao empresariado local para integrarse na súa aplicación de turismo

mércores, 15 de xuño do 2016 Redacción

A semana pasada o Concello de Sada organizou unha xuntanza cos empresarios locais para darlles a coñecer a aplicación que avanzamos previamente en Código Cero e que se dirixe a achegar un directorio empresarial web para favorecer o contacto multidireccional entre empresas e comercios locais, por unha banda, e veciñanza e turistas, pola outra. Na reunión participaron arredor de 60 persoas. Celebrouse na Capela de San Roque, onde se amosou o funcionamento da aplicación (que poderá estar dispoñíbel este verán) e as vantaxes para o tecido empresarial de Sada e contorna da súa inclusión na ferramenta móbil.
Esta ferramenta, fíxose saber, incluíra unha listaxe de empresas de comercio, industria e hostalaría, coa información que cada empresario queira achegar así como imaxes de cadanseu negocio. As firmas locais xa poden inscribirse na guía mediante unha enquisa en liña (a través da web sada.gal) ou ben mediante un formulario dispoñíbel na Oficina de Turismo ou na Concellaría de Promoción Económica.
Na reunión co tecido produtivo local participou Liss Suárez Becerra, responsábel do departamento do Concello responsábel da aplicación: a Concellería de Promoción Económica e Turismo. Segundo fixo saber, “o feito de que esta concellaría conte con datos actualizados para incluír na aplicación facilita o envío de información que podería ser de utilidade para o desenvolvemento da actividade comercial e empresarial”.
Ademais, Suárez Becerra convidou a todos os presentes e as empresas de Sada a integrárense na nova ferramenta dixital, unha novidade tecnolóxica, engadiu, “que está a ser moi ben recibida polos primeiros establecementos que están a formalizar a súa adhesión ao proxecto”. Segundo fixo saber, neste intre estanse a aplicar algunhas melloras na app, “antes de que estea operativa este verán”. Ao seu xuízo, estamos ante “unha ferramenta fundamental para promocionar integramente o concello desde o punto de vista turístico e para a promoción do tecido económico local”.
Na xuntanza houbo representación do sector de hostalaría, comercio e industria, e tamén do mercado municipal e das asociacións veciñais. Aos profesionais fíxoselles saber que poden inscribirse na guía empresarial até o 30 de xuño.

PUBLICIDADE