Sacauntos, Lila de Lilith e Imaxin, Premios Manuel Beiras

xoves, 17 de decembro do 2015 Redacción

JPEG - 161.9 KB
A libraría Lila de Lilith de Santiago, na rúa Travesa da zona vella

O vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, Evaristo Rodríguez, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, deron a coñecer hoxe en rolda de prensa o nome dos gañadores do Premio Manuel Beiras, un galardón dirixido a salientar o compromiso co galego das nosas empresas e profesionais. Sacauntos Cooperativa Gráfica, a libraría de mulleres Lila de Lilith e a empresa de novas tecnoloxías Imaxin Software son as firmas recoñecidas nesta décimo sexta edición do certame.
Na categoría de empresas “cun uso continuado do galego” resultou gañadora Sacauntos, cooperativa gráfica, creada en 2008 e situada na rúa do Avio, que oferta servizos de deseño gráfico e web e impresión en grande e pequeno formato. Entre as súas actividades principais figuran as da edición e publicación de libros, revistas, tarxetas de visita e cartaces, e máis o deseño de logotipos, páxinas web e ilustración.
O xurado considerou “que o seu compromiso co galego maniféstase nos seus usos orais e en todas as súas manifestacións escritas, tanto interna como externamente, e en proxectos propios”. Ademais, valorou “a súa visión da lingua desde unha estratexia internacional e de converxencia coa lusofonía”.

JPEG - 224.9 KB
Evaristo Rodríguez e Martiño Nogueira dando a coñecer as entidades galardoadas

Na categoría de nova incorporación ao galego foi recoñecida a libraría da rúa Travesa Lila de Lilith. Aberta en 2011 pola educadora social e posgraduada en estudos de xénero Patricia Porto, nace dun proxecto con máis 15 anos de andaina enfocado “na igualdade desde a educación”. É unha libraría de mulleres, feminista, que aporta bibliografía de mulleres autoras, especialmente en narrativa, poesía, infantil, banda deseñada e ensaio en temas especializados e cruzados coa perspectiva de xénero: economía, saúde, sexualidade, historia, etc. Comparte espazo físico con outra libraría, Ciranda, especializada en portugués. A libraría emprega o galego de xeito natural para todas as súas canles de comunicación, mesmo nas redes sociais, onde ten especial repercusión.
Amais do devandito, o xurado acordou conceder a distinción especial do Premio Manuel Beiras a Imaxin, empresa adicada desde 1999 ao desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas e xogos educativos multimedia. Coa súa sede na rúa Salgueiriños de Abaixo, é en palabras dos convocantes do galardón “unha empresa cunha ampla traxectoria na consultoría e no desenvolvemento de servizos e solucións de software, amais da única firma galega que deseña software directamente para a multinacional americana Microsoft Corporation”. O xurado concede esta distinción “ao ser Imaxin unha firma pioneira na aplicación e integración de ferramentas e software relacionado coa lingua galega, e con especial destaque nos seus tradutores online, tanto en web como en proxectos específicos de ámbito internacional”.
Os galardoados recibirán unha distinción consistente nunha escultura creada polo artista Acisclo Manzano.
O xurado estivo presidido polo vicepresidente da Cámara de Comercio, Evaristo Rodríguez; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; Gregorio Ferreiro, da Secretaría Xeral de Política Lingüística; Carme Silva, da Universidade de Santiago de Compostela; Miguel López Crespo, da Unión de Consumidores de Galicia; Alba Marinha Souto, da organización en defensa do idioma Gentalha do Pichel; Fátima Rodríguez e María Traveso, de Promove Consultoría e Formación, empresa premiada na categoría de nova incorporación na anterior edición; José Bermúdez, en representación de Conxelados Xosé Bermúdez, empresa premiada na categoría de uso continuado en 2014; e Manuel González, en representación da Asociación Puntogal, distinguida tamén na anterior convocatoria co recoñecemento especial.

PUBLICIDADE