SNK celebra os seus 40 anos cunha recompilación de xogos clásicos

venres, 6 de abril do 2018 Marcus Fernández

Athena é un dos clásicos de SNK incluídos nesta recompilación

O estudio de desenvolvemento de videoxogos SNK está a celebrar o seu 40º aniversario, polo que consideraron axeitado preparar unha recompilación dos seus xogos clásicos para máquinas recreativas que estará dispoñible para Nintendo Switch, consola que está a ter cada vez máis pulo entre os amantes do retro.
A SNK 40th ANNIVERSARY COLLECTION incluirá clásicos como Alpha Mission, Athena, Crystalis, Ikari Warriors, Ikari Warriors II: Victory Road, Ikari Warriors III: The Rescue, Guerilla War, P.O.W., Prehistoric Isle, Psycho Soldier, Street Smart, TNK III e Vanguard, aos que uniranse moitos máis títulos dos que darán conta máis adiante, e que poderán gozarse na consola de Nintendo con funcións novas como poder rebobinar e gardar as partidas en calquera momento, contar cun esquema de control modernizado e presentar os seus gráficos en resolucións de até 1080p.
Esta recompilación de xogos contará cunha edición limitada que incluirá un disco coa banda sonora dos xogos (Nostalgic Music Collection), un libro de arte (40th Annniversary Art Collection) e unha caixa especial para coleccionistas.

A edición limitada da recompilación incluirá interesantes extras

PUBLICIDADE