SNK anuncia unha NEOGEO mini

xoves, 10 de maio do 2018 Marcus Fernández

Tras o éxito das NES e SNES mini e o anuncio doutras consolas en miniatura que queren aproveitar esta onda nostálxica, chega SNK e dentro da celebración do 40º aniversario da súa marca adianta que está a preparar unha NEOGEO mini, que sería unha consola de videoxogos que integraría 40 títulos da clásica NEOGEO que veu a luz en 1990 e dos que podemos gozar tanto na súa pantalla integrada de 3,5 polgadas como nun televisor ou monitor externo (xa que conta con saída HDMI).
Temos así unha especie de mini máquina recreativa, cun mando arcade e que verá a luz en dous modelos distintos en función do mercado, que cambian na súa combinación de cores (en Europa teremos un modelo en cores negra, branca e vermella, mentres que no Xapón o deseño aposta polo branco, o negro e o azul).
Esta máquina recreativa compacta terá un tamaño de 162 x 135 x 108 milímetros, pesará 600 gramos e, aparte da mencionada saída HDMI, tamén contará con tomas para auriculares e para conectar até 2 mandos externos. Polo momento non detallan nin a data nin o prezo que terá esta consola, aínda que previsiblemente será bastante máis caras que as consolas mini que están actualmente no mercado, tanto pola calidade do seu mando integrado polo feito de contar con pantalla.

A nova consola está inspirada nun modelo de máquina recreativa lanzado en 1990

PUBLICIDADE