SIVSA participará directamente na mellora e ampliación da Plataforma Tecnolóxica de Pesca
luns, 10 de outubro do 2016
A empresa galega SIVSA,
responsábel das revolucionarias ferramentas Fenix
e Hosix,
informou recentemente do impulso que vén de recibir a Plataforma
Tecnolóxica de Pesca, unha iniciativa dirixida a facilitar
ferramentas de xestión e de recollida de información do noso sector
pesqueiro. Máis
polo miúdo, o impulso veu da man da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que volveu apostar (precisamente)
por SIVSA para o mantemento da devandita plataforma (ampliando e
prorrogando o contrato de servizos formalizado pola empresa galega e
materializado en labores de mantemento evolutivo, correctivo,
perfectivo e de adaptación). Lembrar que dende 2014, SIVSA é
adxudicataria deste servizo que dá soporte ao principal sistema de
información da Consellería de Mar.
Recordar tamén que a
Plataforma Tecnolóxica da Pesca é un proxecto da Administración
pesqueira galega. O seu principal obxectivo é achegar recursos de
xestión e de recollida de datos do tecido pesqueiro galego. O
sistema ofrece unha serie de servizos aos sectores produtivos e
distribuidores, servizos que serven de apoio á xestión dos recursos
pesqueiros e á rastrexabilidade asociada ao seu transporte e
comercialización, “en concordancia coas esixencias legais
existentes”, informa SIVSA, que engade que con esta ampliación na
que toma parte directa, “incrementaranse os recursos e a adicación
do equipo de traballo en case un 45% aproximadamente”. Ademais,
apunta, “prorrógase o mesmo por un período de 2 exercicios, até
finais de maio de 2018”.
En termos máis
concretos, con este impulso de AMTEGA (e con esta renovación da súa
aposta por SIVSA) asegúrase a continuidade dos traballos de
modernización tecnolóxica relativos á Administración pesqueira e
ao propio sector galego do mar. Segundo engade a empresa galega,
estes traballos iniciáronse para o conxunto das aplicacións
corporativas á plataforma tecnolóxica corporativa de AMTEGA, para
integrar melloras no ámbito funcional das aplicacións existentes no
marco do proxecto e, tamén, para dar soporte a optimizacións no
alcance de diversas aplicacións e servizos (notas de venda de pesca
fresca, pesca conxelada e acuicultura, xestión de documentos
telemáticos, adaptación a proxecto Trazapes, etc.).