SIVSA fornece de equipos informáticos o proxecto Primare-Lonxas

luns, 12 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa tecnolóxica SIVSA, con sede en Vigo, vén de fornecer ao proxecto Primare-Lonxas da axencia autonómica AMTEGA dos equipos informáticos para darlle forma e impulso definitivo a este programa, que, como lembraremos, diríxese a converter as nosas lonxas e confrarías en espazos de vangarda tecnolóxica (en xestión, control, loxística, comunicación, comercialización de produtos e outros parámetros).
A adxudicación (AMT-2018-0079) a SIVSA da vertente de equipamento de Primare-Lonxas implicou a subministración, instalación e configuración de trescentos cincuenta ordenadores persoais e cincuenta portátiles, cun período de garantía de cinco anos, e por un importe de ao redor de 400.000 euros.
O Programa Primare da Xunta foi dado a coñecer hai uns tres anos, sendo o seu obxectivo modernizar tecnoloxicamente os nosos sectores tradicionais. A vertente marítima do proxecto, Primare-Lonxas, colleu impulso en 2017 coa posta en marcha da plataforma única paras lonxas abeiradas á iniciativa, 35 lonxas, con vistas a permitirlles unha xestión máis eficiente da súa actividade, sobre todo en materia de comercialización, rastrexabilidade e seguridade alimentaria e tamén en aspectos relacionados coa xestión económica.
A modernización das lonxas estase a materializar a través de dúas liñas de actuación. Por unha banda, optimízanse tanto as infraestruturas como o equipamento tecnolóxico e, pola outra, ponse a disposición das lonxas unha plataforma tecnolóxica única, que integra os sistemas de xestión, comercialización, e emisión de notas de venda, informatizando a xestión duns procesos que até o de agora se viñan realizando de maneira manual e illada.

PUBLICIDADE