SIVSA desenvolve o sistema de pólizas de PSA FS

xoves, 11 de agosto do 2016 Redacción

A firma galega SIVSA, responsábel da plataforma Fenix para optimizar a xestión das clínicas e os profesionais médicos, vén de desenvolver o novo sistema de xestión e seguimento das pólizas de seguro para vehículos a motor de PSA Financial Services, co-empresa posta en marcha entre o grupo automóbil PSA Peugeot Citroën e o Grupo Santander. Segundo informa SIVSA, devandito sistema permite dar soporte aos fluxos económicos da actividade de seguro co fin de reforzar a supervisión da actividade e substituír tarefas manuais. Ademais “achegará nun mesmo sistema unha vista en 360º das pólizas de seguro para automóbiles nas que a firma PSA Financial Services (PSA FS) é intermediaria”, engade a empresa TIC.
Segundo explica SIVSA, a súa tecnoloxía marca un antes e un despois no que se refire a xestión integrada dos datos: permite pasar dunha xestión realizada en diferentes sistemas con interfaces parciais a unha nova plataforma que unifica a información de todos os sistemas actuais e achega un sitio centralizado. Este sitio central dá resposta a cousas como a reconciliación dos datos entre as distintas ferramentas de xestión (identificación das discrepancias nas distintas plataformas actuais con posibilidade de correccións manuais e visión da actividade de seguros auto en pantallas e informes) ou a xestión dos fluxos económicos (seguimento das liquidacións dos provedores para pólizas cuxo cobro está baixo responsabilidade de PSAF, máis a xestión das comisións). Igualmente, posibilita a optimización total da xestión das renovacións das pólizas e do seguimento dos sinistros e indemnizacións.

PUBLICIDADE