Runtime chega a España cunha completa oferta audiovisual de balde

xoves, 1 de setembro do 2022 Marcus Fernández

As plataformas audiovisuais de balde financiadas mediante publicidade continúan a medrar no mundo do streaming, recibindo agora a Runtime, un novo servizo dispoñible para dispositivos móbiles con Android e iOS, así como para Apple TV, Fire TV, Android TV e as principais marcas de televisores, que achega 10 canles de vídeo en directo xunto cunha completa oferta de contidos á carta.
Runtime estréase coas canles Run:Time Cine y Series, Run:Time Acción, Run:Time Comedia, Run:Time Thriller y Terror, Run:Time Crimen, Run:Time Romance, Run:Time Clásicos, Run:Time Series, Ana y los 7 e Curro Jiménez, que ofrecen contidos temáticos axustados a unha grella horaria, mentres que paralelamente están dispoñibles baixo demanda unhas poucas de series (como Guante Blanco, Unidad Central Operativa, En Tierra de Nadie ou Los Camioneros), documentais (como Desmadre, Oh Dior!, Andy Warhol fluorescente, Abanderados ou Yves Saint Laurent creador del fuego) e un completo catálogo de filmes (como Hachiko, Precious, El Luchador, La Carretera, Papillon, Una historia del Bronx, El Perfume, Scream 4 ou Los Mercenarios). Falamos de preto de mil referencias entre películas e series.
Os contidos están dispoñibles en el alta definición sen necesidade de rexistro (a meirande parte das canles en directo emiten a 720p, mentres que o resto dos contidos están habitualmente a 1080p), figurando tamén un sistema de rexistro de usuarios que actualmente carece de funcionalidades (e prevé a posibilidade de contratar modalidades de pagamento). Temos así unha plataforma que comportaríase dun xeito semellante á TDT en aberto, tanto en forma de consumo como en modelo de negocio.

PUBLICIDADE