Rubén Espino e Amigus achégannos ás claves para sermos expertos en robots deportistas

mércores, 13 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

O vindeiro 24 de novembro temos nas Pontes unha nova cita coas tecnoloxías libres e a robótica construtiva e participativa, nas súas vertentes máis lúdicas e deportivas. Máis polo miúdo, trátase dun encontro con Rubén Espino organizado pola Asociación Amigus ao abeiro dos seus Amigus Labs. A xuntanza servirá, entre outras cousas, para intercambiar información arredor dos robots velocistas e das competicións con estes trebellos: probas nas que os robots, no menor tempo posíbel, deben atravesar unha pista e sortear as pontes e as curvas que o traxecto lles pon diante.
A actividade desenvolverase en horario de 11:00 a 13:00 horas e incluíra unha charla e máis unha demostración de balde. Para asistirmos é obrigatorio que nos rexistremos no formulario habilidado na páxina do evento. O prazo de inscrición remata o 22 de novembro (prazas limitadas).
Nun plano máis detallado, a cita con Rubén Espino (Un repaso xeral á competición de velocistas) achegará aos asistentes a todas as temáticas ligadas á actual competición de trebellos tecnolóxicos, poñendo o foco nos proxectos libres relacionados e noutros recursos cos que completar os coñecementos necesarios para desenvolver un robot velocista co que asistir ás competicións, ademais de poder ver en acción a algún dos enxeños tecnolóxicos sobre a nova pista de Amigus Labs.
Rubén Espino San José é enxeñeiro de Telecomunicación, fundador e integrante do equipo Puma Pride de robótica de competición, participante en competicións de robótica desde 2011. Co equipo Eurobotics Engineering foi 5º clasificado a nivel mundial en 2015 na competición de Eurobot. A nivel estatal conseguiu numerosos premios en diversas probas, principalmente en velocistas e carreiras. Entre os seus proxectos relacionados coas competicións de velocistas destacan Pumatrón, Cyclops-Project, time2time e os xeradores de circuítos con liñas e degradado para Octave.

PUBLICIDADE