Román Rodríguez reclama máis fondos destinados ao galego
luns, 23 de maio do 2022
No marco dunha xornada para dar a coñecer ao público xeral,
universidades, empresas e administracións públicas o Proxecto Nós de
intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, na que a comisionada
especial para a Alianza pola Nova Economía da Lingua, Carmen Gallach, e
diversos expertos tiveron a oportunidade de coñecer o traballo que se está a
facer en Galicia, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades,
Román Rodríguez, reclamou
ao Goberno central que incremente os fondos europeos destinados á lingua galega
para contribuír á súa total incorporación á realidade dixital.
Como expresou, «a incorporación do galego e das outras
linguas oficiais ás contornas dixitais debe ser un compromiso de todas as
administracións e entidades porque é unha garantía para a súa preservación e
promoción». Neste sentido, considerou insuficientes os fondos destinados ás
linguas cooficiais no Proxecto Estratéxico para a Recuperación e a
Transformación Económica (PERTE) Nova Economía da lingua aprobado polo Goberno
central que, cun investimento global de 1.100 millóns de euros de investimento,
destina só 30 millóns de euros a apoiar proxectos en linguas cooficiais.
Román Rodríguez apuntou que «a porcentaxe final é moi
inferior ao importe total das iniciativas en desenvolvemento para a promoción
das linguas cooficiais, tendo en conta, que, por exemplo só o Proxecto Nós
custa máis de 15 millóns de euros. É preciso un apoio específico a linguas como
o galego para asegurar a súa integración na transformación dixital da sociedade
porque queremos poder falar con Siri, Alexa ou Google no idioma co que máis
cómodos nos sintamos e, ademais, queremos facelo para ingresar sen obstáculos
na realidade económica global».
Neste sentido, puxo como exemplo traballo coordinado que xa
se está a facer desde Galicia con iniciativas como o Proxecto Nós de
Intelixencia Artificial ao servizo da lingua galega, para o que Xunta e
Universidade de Santiago inxectaron os primeiros 750.000 euros para visibilizar
os primeiros traballos. Indicou que se trata dunha iniciativa que chegará ás
tres universidades galegas no marco da Estratexia Galega de Intelixencia
Artificial e ao que se pretende dedicar un total de 15,5M€, o maior
investimento directo na promoción do galego en toda a historia, para o que,
reiterou, será necesario o compromiso e a implicación de todos.
No contexto das conferencias celebradas hoxe, o conselleiro
de Cultura, Educación, FP e Universidades mantivo, ademais, un encontro coa
comisionada especial para a Alianza pola Nova Economía da Lingua (que
participou nun dos relatoriosI) e coa que visitou, xunto ao presidente da Real
Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, e a presidenta do Consello da
Cultura Galega, Rosario Álvarez, o Edificio Fontán da Cidade da Cultura de
Galicia, sede na que o equipo do Proxecto Nós está a comezar os seu traballos.
Implicación da cidadanía
A xornada serviu para seguir dando pasos neste proxecto
abríndoo á cidadanía, universidades, empresas e administracións públicas. Xunto
ao conselleiro de Cultura, participaron na inauguración o reitor da USC,
Antonio López, a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo, e a
comisionada especial para a Alianza pola Nova Economía da Lingua, Cristina
Gallach.
O director do Centro Singular de Investigación en
Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Senén Barro, moderou a mesa redonda A
importancia da tecnoloxía da linguaxe na sociedade e na economía coa
participación de Cristina Gallach, xunto ao expresidente da Sociedade Española
para o Procesamento da Linguaxe Natural, Manuel Palomar; o director do
Instituto da Lingua Galega, Xosé Luis Regueira; a directora da Unidade Text
Mining do Barcelona Supercomputing Center, Marta Villegas; o vicedirector do
HiTZ (Basque Research Center for Language Technologies), Germán Rigau i
Claramunt.
Tamén se celebraron distintos relatorios sobre a orixe,
estado actual e futuro do Proxecto Nós a cargo de varios investigadores que
están a traballar nesta iniciativa tanto do CiTIUS como Instituto da Lingua
Galega, ambos dependentes da USC.
Iniciativa estratéxica
O Proxecto Nós é unha iniciativa estratéxica na que a Xunta
e as universidades galegas están a traballar para conseguir a presenza do
galego en asistentes de voz, subtitulación automática de contidos audiovisuais,
apoio ao diagnóstico médico, servizos de teleasistencia avanzada, tramitación
administrativa a través de asistentes virtuais, entre outras accións, que
garantirán a presenza da lingua galega nas contornas dixitais.
Vén de entrar na súa segunda fase na que
este ano os investigadores poderán avanzar no traballo de campo, deseñarán
prototipos dos recursos, experimentarán cos primeiros demostradores e crearán
bancos de voz a disposición de toda a cidadanía para facilitar que empresas
empreguen o galego nas súas tecnoloxías, entre outras accións.