Rogue Trooper Redux sairá á venda o 17 de outubro

xoves, 20 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Hai uns meses anunciouse que para a celebración dos 40 anos da revista británica de banda deseñada 2000 AD estaban a preparar a rematerización do videoxogo de Rogue Trooper publicado pa Xbox, PS2 e PC en 2006 e adaptado a Wii en 2009, do que por fin sabemos a súa data de lanzamento: o 17 de outubro.
Rogue Trooper Redux chegará en versións para PC, Xbox One e PS4 grazas ao traballo de TickTock Games, estudio que adaptou o xogo para correr en máquinas modernas, para o que incorporaron numerosas melloras gráficas, como texturas de alta definición, sombras e iluminación dinámicas e, por suposto, gráficos en Full HD. As escenas cinemáticas tamén procesáronse de novo coas resolucións de vídeo actuais. Conséguese así que un xogo de hai un par de xeracións poida lucir dun xeito máis que digno en máquinas modernas, e tamén se adaptou lixeiramente a xogabilidade para axustarse ás convencións do xénero (por exemplo, no novo xogo contaremos cun sistema de coberturas automático, eliminando a necesidade de premer un botón para tal fin, aínda que ese tipo de cambios só os percibirán os que gozaran do xogo orixinal).
Parece confirmarse o coidado co que tratan as aventuras dun soldado de pel azul que percorre a devastada Terra Nu acompañado polos biochips coa personalidade dos seus compañeiros caídos en combate. Unha premisa bastante curiosa que no xogo orixinal tratouse con bastante acerto, de aí que moitos lectores da obra en papel que non gozaran do videoxogo de Rebellion poidan ter unha grande predisposición para dar unha oportunidade e esta remasterización que van un chisco máis adiante do que estamos afeitos.

Vídeo no que comparan o xogo orixinal de Rogue Trooper coa súa remasterización

PUBLICIDADE