Roger Espasa fala hoxe nos campus galegos dos retos actuais da arquitectura de procesadores

martes, 26 de novembro do 2013 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) convoca este martes 26 de novembro á comunidade galega de investigadores TIC para participar nunha charla aberta, vía videoconferencia, con Roger Espasa, enxeñeiro do equipo de deseño de Intel responsábel entre outras cousas da familia de microprocesadores XeonPhi. O relatorio, que se vai desenvolver baixo o epígrafe Arquitecturas para facer fronte aos retos expostos por HPC e BigData, insírese no ciclo de Conferencias Abertas do Máster en Computación de Altas Prestacións. O evento conta coa colaboración das tres universidades galegas, e de feito cada unha delas acollerá a retransmisión do mesmo.
A USC farao no salón de actos do centro CITIUS, a UVigo no salón de graos do Edificio Politécnico das Lagoas (Ourense) e a UDC no salón de graos da Facultade de Informática. A cita será como dixemos o martes 26 e dará comezo ás 16.00 horas. Como avanzamos os días pasados, a sesión terá unha duración de arredor de dúas horas (máis preguntas a maiores), e vai dirixida sobre todo a investigadores, enxeñeiros e estudantes interesados en arquitecturas de procesadores, “retos que as aplicacións de HPC e BigDAta supoñen para o hardware”, informa o CESGA.
Lembrar, por outra banda, que os devanditos microprocesadores XeonPhi, dos que Espasa e o seu equipo son responsábeis, apareceron no mercado en dous modelos (Intel Xeon Phi 3100 e Xeon Phi 5110P) e roldando 1 teraflop de rendemento en operacións de punto flotante e precisión dupla. O fabricante Intel sinalou co lanzamento desta familia de aparellos (hai aproximadamente un ano), que constitúen “o compañeiro de camiño ideal para os procesadores Intel Xeon, servindo de apio en certas tarefas intensivas e moi existentes”. Arestora, xa temos no mercado a segunda xeración dos XeonPhi, a xeración Knights Landing, que mediante unha arquitectura de cómputo chamada computación neo-heteroxénea permite incrementar o potencial da primeira póla, amais de simplificar o proceso de programación.

PUBLICIDADE