Rocket League estrea o seu modo de baloncesto

martes, 26 de abril do 2016 Marcus Fernández

O éxito de Rocket League na competición en liña é innegable, e para manter o seu pulo os seus responsables estren hoxe unha actualización para as súas versións para Xbox One, PlayStation 4 e PC que converte ao xogo dos futcoches nunha especie de xogo de baloncesto, de xeito que os vehículos de propulsión terán que empurrar o balón para introducilo en cestas de baloncesto en vez de porterías, o que supón un interesante cambio que abre a porta a novas acrobacias aéreas.
A distribución desta actualización tería que comezar esta tarde, pero hai usuarios que xa a teñen dispoñible dende hai horas, de xeito que non son poucos os xogadores que están a gozar agora deste novo estilo de baloncesto a motor do que gozar ao xogar na arena chamada Dunk House.
Entre os novos contidos descargables habilitados con esta actualización está o feito de que os vehículos do xogo poden lucir unha bandeira da NBA, podendo incluso elixir entre os 30 equipos de tal competición, de xeito que os xogadores poderán vestir as cores do seu club favorito.

Tráiler da nova actualización de Rocket League

PUBLICIDADE