Roberto Vieito desvela dende o Máster de Caixanova a realidade do software libre en Galiza

mércores, 2 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Malia que o software libre xurdiu antes có privativo, durante un período moi significativo da aínda curta historia da informática estivo baixo a sombra deste último e dos intereses que nel teñen un bo número de importante empresas e estados. Dentro da problemática ligada a esta situación atópase a xénese do gran nivel de descoñecemento sobre as súas vantaxes e filosofía que aínda existe a todos os niveis das institucións públicas, do eido empresarial e da sociedade en xeral.
O paso para reverter esta situación, e para que o código aberto ocupe o lugar que lle corresponde por dereito, atópase precisamente en darse a coñecer, e en que a sociedade sexa consciente dos beneficios e melloras que achega, tal como sinala Roberto Vieito (alumno do Máster en Software Libre de Caixanova, a Universidade Rey Juan Carlos e Igalia), responsable dun estudo relativo ao estado de adopción do código aberto nas empresas galegas (usuarias e produtoras de software) e contextualizado no marco xeral das TIC a nivel mundial, e que podemos ver xa na forxa de Morfeo.
Este traballo, chamado Un estudo sobre Software Libre nas Compañías Galegas, xorde coa arela de ser útil e de tomarlle as medidas a Galiza para descubrir o que mellor lle acae. E, neste intre, sinala Vieito, o que menos precisa unha realidade TIC coma a nosa (profundamente distinta á do Sillicon Valley) é un único traxe feito á medida do software pechado. Dito doutro xeito: apostar dende o eido público pola programación privativa en Galiza é como defender aquí os intereses das empresas californianas.
-Brevemente, que é o que tocas no teu traballo de investigación para o Máster en Software Libre de Caixanova e Igalia que non se tocase até o de agora? Cara a onde apuntas?
-A novidade do meu traballo de investigación atópase na integración de datos. A Consellería de Innovación e Industria está a levar a cabo un gran labor de estudo do software libre, pero nos resultados publicados sempre botei en falta a presenza de información que servise para contextualizalos no marco español, europeo e mundial no que se desenvolven tanto o software libre como a innovación. O meu estudo, partindo dos datos publicados por entidades de contrastado prestixio, trata de construír unha visión global e contextualizada sobre o código aberto en Galiza, partindo sempre da necesaria consistencia estatística para poder extraer conclusións certeiras.
-En que punto da investigación te atopas agora?
-O meu obxectivo inicial está case cuberto, en tanto que o traballo de investigación está feito e, como resultado do mesmo, existe un estudo dispoñible ao público en xeral, e que axiña vai ser publicado en medios especializados (agora está en fase de revisión da correctitude do inglés). Aínda así, a miña arela é darlle continuidade ao estudo, de xeito que no mesmo se incorporen datos que recentemente veñen de ser publicados, como son o caso da versión 2007 do estudo sobre o Software Libre nas Entidades de Galiza, ou os datos de penetración do mesmo en Estremadura no pasado ano.
-Podemos velo nalgunha ligazón?
-Por suposto, a versión sobre a que se está a rematar a revisión do inglés atópase na forxa que empregamos no Máster. Polo que respecta á versión definitiva do traballo, publicarase en medios de ampla difusión como www.firstmonday.dk e en canles especializadas. Todas elas serán axeitadamente apuntadas dende a forxa, e permitirán un acceso totalmente libre aos contidos do estudo.
-Cres que pode servir de proveito para algún usuario, colectivo, institución ou futura empresa?
-A utilidade é precisamente un dos motivadores principais que me animaron a levar a cabo este traballo. Debido ao seu enfoque, o estudo permite tanto monitorizar o estado do software libre en Galiza (útil para as institucións que fomentan o seu emprego ou que queren usalo) como coñecer a importancia económica que actualmente ten e que a Comisión Europea estima que vai ter no curto e medio prazo (perspectivas moi importantes para fomentar vontade emprendedora ligada ao software libre e para abrir liñas de negocio neste sector). Finalmente, o estudo tamén achega unha serie de medidas que poden favorecer a penetración deste tipo de programas de fontes abertas en Galiza, información de valor para moitos colectivos.
-Máis en termos xenéricos, hai algo sobre o software libre a nivel mundial que non se dixese? Depáranos máis sorpresas este concepto aberto da informática e dos seus recursos?
-Máis que valorar se quedan cousas por dicir ou non arredor do software libre, eu faría fincapé no eido da difusión: pode que xa se dixese todo o que se pode dicir sobre este tema, pero na sociedade e no mundo empresarial segue a haber un enorme baleiro de coñecemento sobre o open source, a súa filosofía, vantaxes, modelos de negocio, etc. O problema está en que semella que toda a información que hai dispoñible sobre o código aberto, na práctica, non é coñecida nin pola sociedade en xeral nin polo eido empresarial en particular. O software libre xa é en si mesmo un concepto sorprendente, xa que prima as liberdades dos usuarios e dos programadores sobre o negocio, e se desenvolve sobre todo de maneira altruísta e distribuída. Se este xeito de entender o software se extrapola a outros eidos, como pode ser a produción artística, as sorpresas serán múltiples e posiblemente moi gratas.
-Que é o que cres que lle daría máis riqueza ó tecido económico galego e, en última instancia, á súa sociedade, un concepto de software pechado, proteccionista co de seu, ou algo máis ligado ó código aberto, máis baseado na colaboración?
-En termos xerais os modelos de negocio baseados na filosofía da programación de fontes abertas son máis axeitados para as compañías TIC galegas, xa que estas empresas na súa maior parte ofertan servizos, e o software libre achégalles vantaxes competitivas (dende o punto de vista de acceso ao código, soporte, facilidade de desenvolvemento sobre ferramentas amplamente testadas e melloradas pola comunidade, custos, etc) que o software privativo non pode. Para as empresas do resto de sectores, e para o conxunto da sociedade, a fonte aberta representa na práctica unha maneira de aforrar custes en infraestrutura tecnolóxica e de evitar a creación de mercados cautivos dos produtos e formatos pechados dun conxunto de empresas. Con todo, hai que mencionar que os modelos de negocio baseados no software privativo tamén son a base de negocio dunha serie de empresas TIC galegas, cuxa actividade principal consiste no desenvolvemento dun produto informático propio, punteiro, que compite a nivel internacional. Debido a isto, a correcta convivencia de ambos modelos seguramente sexa a mellor fórmula de enriquecemento do tecido económico galego.
-Cres que as institucións galegas están facendo abondo a prol do software libre? Cres que é obriga dunha administración apostar sempre por este concepto da informática? Por que?
-A miña opinión é que o traballo a prol do software de fontes abertas nas institucións galegas está moi desequilibrado: existen institucións e entidades que están a facer un bo traballo para fomentar o seu uso (nomeadamente a Consellería de Innovación e Industria), pero tamén existen outras moitas que teñen unha implicación nula (por desgraza, podemos observar con certa frecuencia como dende entidades públicas galegas se leva a cabo a compra masiva de licenzas de uso de aplicacións privativas sen facer un estudo previo que lles indique a conveniencia ou non de facelo). Estes feitos salientan a necesidade de que as políticas relacionadas coas TIC e co software libre teñan que ser transversais non só na teoría, senón tamén na práctica. O labor dunha administración, en abstracto, é procurar o ben para os seus administrados. Dende este punto de vista, non creo que sexa obriga de todas as administracións apostar polo software libre; seguramente nos estados de California e Washington sexa máis beneficioso para os seus habitantes que as súas institucións apoien ás empresas locais (principais produtoras mundiais de software privativo) en lugar de apoiar ao software libre. Dende logo no caso de Galiza, e do resto de lugares do mundo cuxas empresas TIC non se fundamentan en modelos de negocio baseados no software privativo, considero que fomentar (de xeito estudado e responsable) o uso do código aberto é unha obriga para as súas institucións.
-Cara a onde se dirixe a Sociedade da Información enteira? Como cres que será dentro de vinte anos a actividade empresarial vinculada á Rede?
-Difícil cuestión. Aventurareime a dicir que a tendencia da Sociedade da Información é cara a constitución dunha sociedade en rede na que practicamente toda persoa e aparello estean conectados a Internet e empreguen o coñecemento aí dispoñible para levar a cabo as súas tarefas de xeito óptimo. Os primeiros chanzos deste percorrido xa están a ser transitados hoxe en día, pero a integración actual da rede nas nosas vidas cotiás palidece en comparación con como vai ser dentro dos vindeiros anos. Vinte anos é un período temporal moi longo dende o punto de vista da historia da informática. En vinte anos, a Rede será moito máis que unha infraestrutura electrónica e tecnolóxica, e a presenza nela será algo totalmente imprescindible para a práctica totalidade das actividades empresariais (ao igual que hoxe en día é totalmente imprescindible contar con teléfono). Debido a isto, é moi importante solucionar os problemas que aínda hoxe en día existen en Galiza para conectarse a Internet (como por exemplo a famosa Telefonía Celular de Acceso Rural), e fomentar e incentivar agresivamente a actualización tecnolóxica e maila presenza en Internet das empresas galegas.