Rise of the Tomb Raider terá edición para coleccionistas

mércores, 26 de agosto do 2015 Marcus Fernández

O 13 de novembro chegará a Xbox One en exclusiva temporal o agardado Rise of the Tomb Raider, xogo que continúa a saga de Lara Croft tras o seu reinicio hai un par de anos, e que promete ser un dos grandes éxitos da consola de Microsoft de cara á campaña de Nadal. Sendo conscientes dende Square Enix do interese ao redor deste título, decidiron preparar unha edición para coleccionistas do mesmo, que xa está dispoñible para a súa reserva na súa tenda en liña por 139,99 euros, e que semella bastante completa.
Loxicamente este lote especial do inclúe unha copia en formato físico de Rise of the Tomb Raider para Xbox One, así como unha caixa metálica coleccionable, pero o realmente rechamante desta edición é que incluirase un modelo co colar de xade de Lara (o seu primeiro descubrimento arqueolóxico), unha réplica do seu diario e unha figura de 12 polgadas (30 centímetros) que representa a Lara Croft na busca de respostas na súa primeira expedición en tumbas.
Estamos así ante unha edición do xogo dirixida aos seguidores máis fieis da saga que busquen algún elemento físico que contribúa a vivila máis intensamente.

PUBLICIDADE