Ridiculous Fishing estrea versión para Android a través dun Humble Bundle

martes, 19 de novembro do 2013 Marcus Fernández

O terceiro lote de xogos para Android do proxecto Humble Bundle estreouse hoxe cunha grande sorpresa, pois os que apoien esta promoción cunha cantidade económica superior á media (menos de 3,6 euros no momento de escribir estas liñas) poderá facerse adicionalmente cos xogos Kingdom Rush e Ridiculous Fishing, o que supón a estrea deste último para Android, tras gozar de grande éxito en iOS (plataforma na que foi considerado un dos mellores xogos independentes de 2011).
Durante as vindeiras dúas semanas o Humble Mobile Bundle 3 ofrecerá xogos para Android bastante atractivos, como o shooter post-apocalíptico EPOCH, o quebracabezas espacial rymdkapsel, o xogo de palabras SpellTower e o hack-and-slash bidimensional Swordigo (que ve a luz por primeira vez). Os usuarios poderán decidir os cartos que pagan por estes xogos, e o reparto destes cargos, destinado parte dos ingresos ás iniciativas solidarias Fronteiras Electrónicas (EFF) e Child’s Play Charity.

JPEG - 55.5 KB
O Humble Mobile Bundle 3 bota a andar con 4 + 2 xogos


Vídeo promocional do Humble Mobile Bundle 3

PUBLICIDADE