Ricoh anuncia unha nova cámara compacta de alta gama

mércores, 17 de abril do 2013 Marcus Fernández

Aínda que as cámaras dixitais compactas están a perder terreo por mor da mellora das cámaras dos móbiles, algúns modelos conseguen destacar por achegar unha calidade de imaxe moi semellante á das réflex dixitais grazas aos seus grandes sensores e boas lentes, o que parece que consegue con bastante acerto a nova Ricoh GR, que incorpora un sensor CMOS de 16 Mpíxeles cun tamaño APS-C e unha lente F2.8 de 18,3 milímetros, o que xunto cun prezo relativamente axustado (custaría un 27% que unha cámara equivalente da competencia) convértea nunha excelente opción para quen queira disparar boas fotografías sen ter que cargar cunha voluminosa cámara.
A Ricoh GR tamén fai uso do procesador GR ENGINE V, que optimiza as imaxes con alta sensibilidade o que permite que podamos tomar instantáneas ata a un ISO 25.600 cun ruído mínimo e unhas cores ricas a realistas. Tamén é capaz de enfocar en só 0,2 segundos e pode gravar vídeo a 1.080p aplicando enfoque automático continuo.
Ricoh tamén venderá unha lente de grande angular para esta cámara que é compatible con todos os accesorios da liña GR Digital (visores, flashes, viseiras, adaptadores...). Mide 117 x 61 x 25 milímetros, pesa 245 gramos e porase á venda o mes que vén e o seu prezo nos EE.UU. será de 799 dólares, mentres que no Reino Unido custará 599 libras esterlinas.

A nova cámara compacta é compatible con numerosos accesorios

PUBLICIDADE