Ricardo Cao (CITIC), presidente do comité de expertos de Acción Matemática contra o COVID-19

luns, 23 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

O investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, vén de ser nomeado polo Comité Español de Matemáticas (CEMat) presidente do equipo de expertos da iniciativa Acción Matemática contra o Coronavirus, que ten o obxectivo de axudar ao Goberno de España a atopar solucións ante a crise sanitaria orixinada polo virus COVID-19, achegando conclusións e recomendacións dende o ámbito das matemáticas.
Segundo informa o CITIC, este comité de especialistas porá á disposición das autoridades a súa capacidade de análise e modelado para “comprender o problema que está sa sufrir a nosa sociedade coa infección mundial”. Así, a partir dos datos facilitados polo Goberno sobre a evolución da pandemia (microdatos dos casos diagnosticados, recursos dispoñíbeis, ficheiros de información a gran escala sobre mobilidade, etc), o comité elaborará o modelado matemático da pandemia para, a
partir de aí, establecer previsións de evolución que permitirán “a planificación óptima dos recursos”.
Ricardo Cao é investigador da área de Ciencia e Enxeñaría de Datos do CITIC e membro do comité de dirección do centro, así como catedrático da área de Estatística e Investigación Operativa da UDC, editor de diferentes revistas científicas de prestixio internacional e membro de numerosas sociedades que traballan no ámbito da estatística e a investigación operativa.
O Comité Español de Matemáticas está formado polas sociedades científicas españolas no ámbito das Matemáticas: Real Sociedad Matemática Española (RSME), Societat Catalana de Matemàtiques (SCM), Sociedad Española de Matemática Aplicada (SEMA), Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO), Sociedad Española de Investigación en Educación Matemática (SEIEM), Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas (FESPM) e Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas (SEHCYT).

PUBLICIDADE