Ribeira ultima os detalles da súa plataforma de ecommerce

mércores, 10 de xuño do 2020 Fernando Sarasketa

Ribeira vai avanzar un novo treito no seu itinerario tecnolóxico, un camiño que se está a fortalecer en plena loita contra a crise da COVID, poñendo o foco no potencial das ferramentas dixitais para impulsar a competitividade, a participación-implicación da cidadanía, a comunicación ou os novos xeitos de producir, vender e traballar. Este venres 12 de xuño será unha data significativa neste ámbito, xa que se vai presentar a nova plataforma local de comercio electrónico, que está a ser ultimada polo Concello. A cita é ás 21 horas no Auditorio. Será unha xornada para implicar ao tecido produtivo de Ribeira, polo que se convidou aos negocios locais a coñecer de primeira man as potencialidades da plataforma.
O servizo, avanza o Concello, irá destinado a favorecer “a venta online do empresariado local” e abéirase ás medidas de innovación tecnolóxica incluídas no marco do Plan Reactiva Ribeira subscrito o pasado 23 de maio coa fin de paliar os efectos da crise da COVID-19 no termo municipal.
Aforamento limitado
Dada a limitación de aforo (máximo: 80 persoas na actual fase 3), aqueles comerciantes, hostaleiros e demais empresarios radicados no municipio interesados en acudir a este acto poden anotarse previamente no correo electrónico turismo@ribeira.gal ou poñéndose en contacto telefónico ou por Whatsapp no número 686 587 000.

PUBLICIDADE