Ribeira leva obradoiros TIC a cinco das súas parroquias

luns, 27 de marzo do 2017 Redacción

O Concello de Ribeira está a presentar unha serie de actividades formativas a desenvolver en practicamente todas as parroquias do municipio, co obxectivo de contribuír ao avance da veciñanza en materia de capacitación dixital e, tamén, de loitar contra a fenda tecnolóxica que adoita establecerse entre nos núcleos urbanos de meirande envergadura (neste caso Ribeira) e as contornas rural. Trátase dunha ducia de actividades de balde a desenvolver entre o 3 de abril e 8 de xuño.
Os obradoiros desenvolveranse de luns a xoves en cinco parroquias do municipio (Ribeira, Oleiros, Corrubedo, Castiñeiras e Aguiño) e versarán sobre iniciación á informática, DNI electrónico e certificados dixitais; retoque fotográfico (coa ferramenta libre Gimp), edición de audio e vídeo, e dispositivos móbiles.
As persoas interesadas poden anotarse dende xa até o 31 de marzo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas na aula CeMIT de Ribeira ou ben no enderezo específico habilitado. Os obradoiros en cuestión son Iníciate na informática I (30 horas de formación sobre uso básico de computador), Iníciate na informática II (30 horas de formación sobre como empregar ao xeito os buscadores da Rede), DNI electrónico e certificados, Sácalle máis partido ao teu móbil, Retoque fotográfico Gimp e Edición de audio e vídeo.

PUBLICIDADE