Ribeira comeza o ano cunha completa axenda de formacións e probas tecnolóxicas

xoves, 16 de xaneiro do 2025 S. P.

O Concello de Ribeira presentou este 15 de xaneiro a programación formativa do primeiro trimestre da 2025 da Aula CeMIT local. A axenda foi debullada polo concelleiro de Novas Tecnoloxías, Francisco Suárez-Puerta e a concelleira de Promoción Económica, Genoveva Betanzos. O programa inclúe probas (o exame EMA), formación en competencias dixitais básicas e avanzadas e capacitación tecnolóxica para os programas de emprego do Concello de Ribeira.
Exame da Plataforma EMA
Suárez-Puerta puxo o foco no Exame da Plataforma EMA que se celebrará o vindeiro mércores 29 de xaneiro (de 11.00 a 12,00 h) e dixo que se trata dunha serie de probas que se teñen que facer de forma presencial nas aulas CeMIT, exclusivas para as persoas que remataron os cursos de formación a distancia na plataforma EMA (Espazo Multimedia de Aprendizaxe), servizo de autoformación que a través da súa páxina permite aos usuarios da rede CeMIT facer cursos en liña con dereito a diploma. Unha vez rematados os cursos (un ou máis de un), para acadar dito diploma deben facer o exame nunha Aula CeMIT o día que a aula teña reservado para o Exame da Plataforma EMA.
O concelleiro explicou que dentro da páxina da plataforma hai 2 apartados dispoñíbeis para os usuarios. Por unha banda a sección Competencias Dixitais na que o usuario pode facer os 6 cursos que compoñen a Autoformación COMDIX, e ao rematalos, acadar un diploma de aproveitamento facendo o correspondente exame EMA nunha aula CeMIT. Pola outra, o apartado chamado Catálogo de Cursos, no que hai dispoñíbeis unha gran variedade de actividades formativas segundo a categoría que se elixa: Alfabetización Dixital (formación dixital básica, seguridade TIC básica, seguridade informática ou dispositivos móbiles), Capacitación Dixital (capacitación avanzada; formación a empresarios e emprendedores; eAdministración; redes sociais, ocio e operacións dixitais; imaxe, audio e vídeo; edición de imaxe; montaxe de audio; montaxe e creación de vídeo; seguridade TIC avanzada, seguridade informática; ofimática, LibreOffice e ferramentas do paquete libre de ofimática; e innovación social).
O concelleiro tamén informou que durante todo o mes de febreiro do luns día 3 ao xoves día 27 (agás os venres) celebrarase o Curso de Competencias Dixitais Básicas (25 horas), en horario de 10.00 a 11.30 horas. Abordaranse cuestións como as distintas versións e sistemas operativos dispoñíbeis; procesos como inicio, apagado, hibernación de equipos; programas básicos (navegadores, explorador de arquivos, visor de imaxes, pestanas, historial, favoritos, páxinas de inicio, buscadores preferidos, borrado de caché...); xestión de arquivos e cartafoles; como diferenciar as extensións máis comúns; como empregar o correo electrónico, videoconferencias básicas, identidade dixital...; como usar as ferramentas ofimáticas básicas (procesador de textos, follas de cálculo, presentacións...); como garantir sesións seguras (rutinas para unha navegación protexida, antivirus, etc); e nocións sobre o mantemento do sistema operativo (actualizacións, limpezas).
Pola outra banda Betanzos anunciou os diferentes cursos que se impartirán na Aula CeMIT correspondentes ao obradoiros Tahume X e o PIE (Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira). Serán todos os venres desde o 31 de xaneiro ata o 21 de marzo:
-Curso de Alfabetización Informática para os usuarios do Obradoiro Tahume (36 horas). Con horario de 09.00 a 13.00 h abordaranse cuestións como os sistemas operativos, os periféricos, os tipos de arquivos e a súa visualización, a impresión e o escaneo de documentos, como traballar en rede (iniciación ao Drive), como empregar o correo electrónico e Internet e como tirar proveito dos programas e aplicacións de ofimática.
-Cursos para o Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira. Levaranse a cabo en marzo 2 cursos intensivos de informática básica (nivel 1) para os novos usuarios do Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira (16 horas cada un). O primeiro grupo do luns 10 ao xoves 13 en horario de mañá e o segundo de luns 16 ao xoves 20, en horario de mañá. Afondarase nas seguintes cuestións: como aprender a diferenciar e a usar as diferentes partes ou compoñentes do computador; como aprender a utilizar as distintas aplicacións e programas instalados (sobre todo LibreOffice: Writer, Calc, Impress); como aprender a navegar pola Rede de forma segura e como manexar o buscador Google, o correo electrónico e a ferramenta Drive; como empregar as distintas ferramentas para a procura activa de emprego a través da Rede, envío/elaboración do currículo, autocandidaturas...
Suárez-Puerta pechou o acto dando as grazas á veciñanza polo interese que espertan estes cursos e sinalou que “sempre procuraremos atender a demanda específica e contextual para avanzar no nivel de dixitalización dos veciños e veciñas”.