Ribadeo celebra unha nova edición do seu obradoiro DOC-TIC

martes, 2 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Ribadeo quere fomentar o emprego polo vieiro da formación en innovación e en novas tecnoloxías. Este é o alicerce da nova edición do obradoiro que presentou o Goberno local a semana pasada, a segunda entrega do DOC-TIC celebrado o ano pasado. Desta volta, o programa inclúe novamente a especialidade de produción fotográfica e introdúcese “a xeito de novidade” a de operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, segundo informou o Concello, que conta para esta actividade con financiamento da Consellería de Economía.
O obradoiro ten o obxectivo de “pór en marcha actuacións que contrarresten os problemas de emprego que afectan a distintos colectivos, como empregados de longa duración ou mocidade”. A idea é facilitarlles formación e prácticas coas que mellorar as súas posibilidades de éxito no mercado laboral.
Neste programa en concreto danse a coñecer as prácticas administrativas, as funcións dun organismo como a Administración local e as posibilidades da imaxe e as novas tecnoloxías aplicadas á xestión documental. Outro dos obxectivos é facilitar ao Concello e aos seus traballadores o cumprimento do servizo público que teñen encomendado, “xa que as labores de organización, descrición e dixitalización de documentos permiten unha xestión máis áxil e segura”, explicaron fontes do Executivo de Ribadeo, engadindo ás devanditas vantaxes “o aspecto cultural de aprecio ao patrimonio e a salvagarda das testemuñas da actividade de persoas e institucións que explican a historia de Ribadeo e o seu desenvolvemento”.
Cos participantes neste novo obradoiro de emprego estiveron responsábeis da Área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo e o alcalde, Fernando Suárez Barcia.
Como lembraremos, na anterior edición de DOC-TIC participaron 15 persoas nas dúas especialidades que se impartiron: unha especialidade de produción fotográfica e outra de operacións de gravación e tratamento de datos e documentos. Froito do labor desenvolvido polos 15 alumnos-traballadores, dixitalizáronse 86 libros de actas (o que supuxo a creación e tratamento de máis de 21.500 arquivos) e creáronse (ao abeiro da segunda especialidade) 11.500 rexistros correspondendo a outros tantos expedientes e 1.400 caixas reinstaladas. Ademais, deuse forma a dúas seccións na paxina web especializada arquivo.ribadeo.org, unha denominada “documentos destacables” (reservada para pór en valor documentos significativas da historia da vila e dos seus habitantes), e a chamada “arquivo municipal e obradoiros de emprego” (na que se dá a coñecer dun xeito moi visual os resultados da formación teórica e práctica que caracteriza aos obradoiros).

PUBLICIDADE