Rianxo mergúllase na ciencia e na robótica

xoves, 7 de novembro do 2019 Redacción

JPEG - 42.9 KB
Presentación do programa de actividades celebrada onte en Rianxo/Imaxes de Ana Rial

No marco simbólico do Mes da Ciencia e baixo a premisa da cultura científica, técnica e da innovación como piar do desenvolvemento sociocultural da cidadanía, celebrarase o programa de actividades RianxoCiencia 2019, impulsado polo Concello rianxeiro. Esta iniciativa atópase conformada por un conxunto de propostas de promoción e divulgación dirixida a público en xeral, centrado na cultura científica e técnica. Así, o programa nace coa vontade de continuidade nos vindeiros anos e contempla numerosas actividades, todas elas de balde. Ao acto de presentación celebrado este mércores 6 de novembro asistiron o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; a concelleira de Cultura, Raquel García; e o divulgador Vicente Mohedano.
A edil Raquel García manifestou que o obxectivo deste evento reside en “achegar a ciencia ao público, espertar a curiosidade polo coñecemento”, engadindo que posibilitará “descubrir como se pode explicar o universo de forma divertida, lúdica e moi interesante.”
Na súa intervención, Vicente Mohedano expresou que “o coñecemento é moi atractivo para a xente”, ademais de explicar que Discurshow consiste en discursos teatralizados con conferencias densas, pero “moi atractivas, moi dramatizadas.”
Pola súa parte, o rexedor Adolfo Muíños destacou “a importancia da ciencia nas nosas vidas, a importancia do coñecemento científico que, sobre todo, se ensina nos centros, e os Concellos, dalgunha maneira, acompañamos buscando unha compoñente un pouco máis lúdica, máis informal, máis diferente, pero tamén con esa idea de completar a actividade que se da nos centros de ensino de coñecemento científico e divulgación científica.”
A cita arranca o sábado 9 cun obradoiro de robótica nos baixos da Biblioteca Municipal Castelao. A primeira sesión será de 10.00 a 11.30 horas, destinada a rapazada de 9 a 12 anos; mentres que a segunda terá lugar de 12.00 a 13.30 horas, focalizándose na mocidade de 13 a 16 anos. O número de participantes por sesión establécese en 12, previa inscrición.
O salón de actos do Auditorio de Rianxo acollerá o sábado 16, ás 12.00 horas, o Discurshow: Voute contar! a cargo de Vicente Mohedano e destinado a un público a partir de 8 anos. Pola tarde, ás 19.00 horas, o xornalista de GCiencia, Manuel Rey, ofrecerá unha charla-coloquio baixo o título Ciencia e razón fronte ás pseudociencias, terapias perigosas e outras lerias.
O obradoiro A ciencia nos tempos de Castelao, Dieste e Manuel Antonio chega á Biblioteca o venres 22, ás 18.00 horas. Esta actividade focalízase nun público de 6 a 12 anos, contando con 25 participantes, previa inscrición.
O sábado 23 desenvolveranse dúas citas no salón de actos do Auditorio. A primeira, programada para as 12.00 horas, será Discurshow: Orbitamos! impartida por Vicente Mohedano e dirixida a rapazada a partir de 8 anos. A segunda, ás 19.00 horas, o director do Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Ángel Docobo, ofrecerá unha charla-coloquio titulada As estrelas e os seus sistemas planetarios (e outras cousas que pasan -ou non pasan- no ceo).
O obradoiro de experimentos A maxia da ciencia! está previsto para o sábado 30 na aula de usos múltiples do Auditorio. A primeira sesión será de 10.00 a 11.30 horas, destinada a rapazada de 9 a 12 anos; mentres que a segunda se celebrará de 12.00 a 13.30 horas, dirixida a mocidade de 13 a 16 anos. O número de participantes por sesión establécese en 25, previa inscrición.
Así mesmo, a sala de exposicións do Auditorio alberga do 25 de outubro ao 30 de novembro a exposición 50 aniversario da chegada do home á Lúa.
As inscricións realizaranse na páxina web www.concelloderianxo.gal, no espazo Rianxociencia, e as admisións serán por sorteo, o cal desenvolverase 2 días antes do inicio de cada actividade. A listaxe de persoas admitidas publicarase unha vez rematado o sorteo, no mesmo espazo.
Organizado polo Concello de Rianxo, este evento conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Arenaria Coordinación.

PUBLICIDADE