Rianxo formará a 16 mozas e mozos en creación e publicación de páxinas web

mércores, 23 de setembro do 2020 Sonia Pena

O Concello de Rianxo publicou na súa web as bases do seu Obradoiro de Garantía Xuvenil Carnero Valenzuela, que, como lembraremos, porá en xogo recursos formativos para capacitar á mocidade local na especialidade de Confección e publicación de páxinas web. O obradoiro é unha iniciativa destinada a ampliar a formación da xente nova e dotar ás mozas e mozos de instrumentos, recursos e coñecemento que lles permitan abrir a meirande cantidade de portas no mercado laboral. Desta volta trátase de converter a 16 alumnas/os e traballadoras/es en especialistas na creación e mantemento de sitios online, un ámbito profesional cada vez máis demandado por empresas e entidades, tanto para ampliar os seus equipos como en materia de servizos requiridos.
O obradoiro terá 12 meses de extensión e as persoas interesadas en participar nel terán que cumprir, entre outros, os seguintes requisitos: estar no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil; ter entre 18 e 30 anos; ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 ou de 45; ou posuír o título de Graduado en ESO, certificados de profesionalidade de nivel 2 e 1 da mesma familia e área profesional.
O programa de emprego Carnero Valenzuela II é un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a inserción das persoas desempregadas mozas incluídas no Ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, co-financiado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, e promovido polo Concello de Rianxo.

PUBLICIDADE