Revolut convértese na segunda entidade financeira en ofrecer Tap to Pay en España

martes, 1 de xullo do 2025 Marcus Fernández

A semana pasada CaixaBank anunciou o lanzamento de Tap to Pay en España, servizo que permite empregar o iPhone a xeito de TPV, e que parecía que sería exclusiva da entidade bancaria durante varios meses, pero pouco tardou en chegarlle competencia da man da fintech Revolut, que xa permite a autónomos e pequenas empresas aceptar pagamentos sen contacto directamente dende o seu iPhone, sen necesidade de terminais ou dispositivos adicionais como os TPV tradicionais.
Tap to Pay permite realizar pagos achegando unha tarxeta contactless ou un dispositivo con Apple Pay ao móbil do comerciante. O sistema admite tarxetas de débito e crédito sen contacto, carteiras dixitais e mesmo a introdución de PIN, mantendo todas as opcións de accesibilidade do ecosistema iOS. Revolut destaca que a seguridade está garantida grazas ás funcionalidades nativas do iPhone, que impiden almacenar os datos das tarxetas nos servidores de Apple.
Esta nova opción de cobro está integrada na plataforma Revolut Business, dispoñible desde 2017 e empregada por máis de cinco millóns de usuarios en España (dos 60 millóns que a entidade ten a nivel global). A través dela, empresas de todos os tamaños poden realizar xestións financeiras, cambiar divisas e controlar gastos, entre outras funcións.
Alex Codina, director de adquisición de comercios de Revolut asegura que «con Tap to Pay en iPhone ampliamos as opcións de pagamento en España: esperamos que desde tendas de barrio ata barberías ou postos de comida comecen a aceptar pagos sen contacto só cun iPhone».